Autora: Otero, Renata   Título: ANNIE SPRINKLE: FEMINISMO PORNO POSTMODERNO

 

ANNIE SPRINKLE: FEMINISMO PORNO POSTMODERNO


Renata Otero


Annie Sprinkle é unha referente do feminismo pro-sexo: exprostituta, actriz, modelo, directora, fotógrafa, performer, educadora sexual, activista na loita contra a guerra de Iraq, contra o SIDA, a favor dos matrimonios homosexuais e dos dereitos das traballadoras do sexo, e convencida ecoloxista, entre moitas outras cousas. Para que a situemos correctamente, permitídeme facer unha breve introdución.
Desde os comezos do feminismo, sempre houbo distintas correntes ideolóxicas, algunhas opostas entre si. Con respecto ao porno, desde o feminismo máis institucionalizado sempre se mostrou rexeitamento, porque entende que a muller nel é tomada como simple obxecto de consumo rápido e dá unha imaxe moi limitada da sexualidade e do pracer feminino.
Aceptando algún destes termos, pero avogando pola liberdade, xurde nos finais dos setenta unha corrente oposta de feministas que reivindican o porno como un espazo onde poder transgredir as normas do patriarcado, para experimentar e gozar do pracer saltándose os roles convencionais de xénero impostos pola cultura dominante.
A primeira vez que vin un traballo de Annie Sprinkle quedei fascinada. Eu asistía con resignación a unhas clases eternas e soporíferas sobre videoarte. Levabamos xa varios meses visionando pezas aburridísimas e de repente o profesor puxo un vídeo cortiño dunha señora. Só iso xa era unha grande innovación, porque ao longo da miña vida académica foron moi poucas as ocasións nas que se nos falaba de algunha muller como autora. A seguinte cousa que me fascinou foi vela a ela en pantalla: unha muller redondiña, de mediana idade, a gusto na súa pel espida, cun sorriso entusiasta que transmitía grandes doses de simpatía. E a terceira cousa que me chamou a atención foi a posta en escena: Sprinkle só levaba postas unha luvas negras longas. Nun plano medio fixo estaba a xogar coas súas tetas ante a cámara ao ritmo do Minueto de Dmitri Shostakovich. Nese instante Sprinkle conquistoume para sempre: unha dona capaz de divertirse co seu corpo, compartindo o privado no ámbito da cultura seria (e maioritariamente masculina), semelloume admirable e quixen saber máis.
Sprinkle nace como Ellen F. Steinberg, en Filadelfia, no ano 1954, nunha familia de clase media, onde é a segunda filla de tres. Vaise da casa aos 17 anos. E con 18 vende pombiñas nun cine X de Arizona. En breve decide cambiar de traballo e métese a masaxista nun antro no que con frecuencia se chega ao sexo cos clientes. Entón adopta o seu alcume profesional: Annie Sprinkle (Ana A Salpicada). Mais que un nome vólvese o seu alter ego. Como Annie, desfruta de ser sexualmente moi activa, fermosa, atractiva e divertida, e en breve pasa directamente a prostituírse.
Pouco despois coñece a Gerard Damiano o director de cine X, viaxa a Nova York e entra na industria do porno, primeiro como asistente de rodaxe e pouco despois como actriz. No seu primeiro ano como tal convértese nunha estrela do xénero e chega a protagonizar en total máis de 1000 películas. Aparte de ter un físico exuberante, Sprinkle destaca pola naturalidade coa que actúa e polo seu atrevemento ao facer subxéneros considerados como depravados incluso dentro da industria. O feito de que participe destas prácticas co seu amplo sorriso, e que a posteriori asuma esta etapa profesional con normalidade, é realmente máis transgresor que a práctica mesma, xa que desenvolve e fai público o concepto de que a sexualidade pode ser unha práctica cambiante e mutante, escapando de etiquetas. Os gustos poden ser moi diversos, sen que iso signifique ter un problema psicolóxico ou unha identidade sexual fixa.
No ano 1978 coñece ao artista William DeRider, fanse parella e con el aprende nocións sobre performance e arte conceptual. E en breve comeza a traballar como performer en clubs de striptease con espectáculos onde se cuestionan mitos diversos en relación á sexualidade masculina e feminina.
Aínda que gosta do seu traballo como actriz X, hai varias cousas da industria que non lle agradan. A primeira é a falta de visibilidade do orgasmo feminino. A segunda é a presión social pola que supostamente unha muller non debe desfrutar demasiado, senón que debe adoptar unha posición pasiva e receptora.
No 1981 Sprinkle decide aportar a súa visión persoal do sexo e ponse detrás da cámara para dirixir o filme Deep inside Annie Sprinkle, unha película moi anovadora e que marca a posibilidade da experimentación dentro do cine porno. No seu filme, unha Sprinkle de 40 anos fala á cámara co espectador, e estes fragmentos mestúranse con outros nos que unha Sprinkle de 26 anos, ten sexo con diversos espectadores nunha sala de cine X onde se proxecta un filme dela. É un xogo postmodernista onde representación e realidade se entrecruzan creando un novo significado. O monólogo cara a cámara racha coa natureza voyeur do público do porno. Sprinkle explica con absoluta naturalidade e xovialidade parte da súa biografía, amosando fotos da súa infancia e adolescencia. Este compartir documentos inocentes e persoais é absolutamente novo e a estratexia de xuntar personaxe-público-activo sexualmente coa esfera individuo-persoa, será unha constante en todo o seu traballo posterior. Moitas feministas xa entenderan antes ca ela que o privado é político tamén, o innovador en Sprinkle é desde onde o proclama, e en que termos. Así pois, as confidencias á cámara altérnanse con fragmentos hardcore dela masturbándose e exaculando ante a cámara, e outros onde mantén sexo con outras persoas de xeito espontáneo, sen guión previo.
En 1984 o grupo feminista Carnival Knowledge contacta con Sprinkle e pídenlle que participe nunha serie de performances. Ela decide que a acompañen colegas do porno coas que ten amizade. Diante do público falan como na intimidade da súa casa, e na conversa cuestións sexuais crúzanse dun xeito fluído e natural con outras intelectuais, emocionais…, dentro dun entorno académico e público.
Por este período, varios amigos e compañeiros de profesión, entre outros o seu mozo, comezan a infectarse e morrer de SIDA. Sprinkle decide implicarse e inicia unha campaña dentro da industria para que actores e actrices podan traballar practicando sexo seguro. Rinse dela, decide abandonar a súa carreira e xusto neste momento chámana da Universidade de Nova York para que presente no marco académico o seu espectáculo de burlesque: Nurse Sprinkle´s Sex Education Class. A partir dese momento Sprinkle decide adicarse exclusivamente ao mundo da arte.
Entre a súa produción paga a pena nomear o espectáculo Post-Porn Modernist (1990). Na primeira parte do mesmo vemos a evolución de Ellen (a nena e adolescente que foi) ata Annie, a pornoestrela ansiosa por experimentar do sexo ata condutas escatolóxicas. Entre reflexións varias con vontade didáctica e grandes doses de humor representa a súa celebre Public Cervix Annoucement (Presentación pública do cérvix). Na segunda parte Sprinkle fálanos da súa evolución de Annie a Anya, unha muller maior, máis madura, máis espiritual. Xa como Anya fala da SIDA e dalgunhas historias míticas relacionadas co sexo. Con Anya, esta artista asume o rol de deusa/sacerdotisa do pracer, acende velas, pronuncia oracións de rituais profanos e finalmente mastúrbase en público ata chegar ao orgasmo (algo que Madonna copiaría nunha versión light no seu Blonde Ambition Tour de 1992).
No ano 2002 Sprinkle completa os seus estudos e convértese na primeira estrela porno que consegue o seu doutoramento. Desde entón publica varios libros invitando a homes e a mulleres a desfrutar máis do seu corpo e na actualidade segue a traballar nun proxecto que arranca no 2005. Como resposta antibelicista á guerra de Iraq, e aos movementos homófobos que lle negan a posibilidade de matrimonio aos homosexuais nos USA, Sprinkle inicia daquela un proxecto que aínda segue a traballar coa súa parella, a tamén artista Elizabeth Stephens.


BIBLIOGRAFÍA:

SPRINKLE, Annie: Post-porn modernist: My 25 years as a multimedia whore, Berkeley (California), Cleis Press, 1998

SPRINKLE, Annie: Hardcore from the Heart: The Pleasures, Profits and Politics of Sex in Performance, Londres-Nova York, Continuum International Publishing Group, 2001.

PRECIADO, Beatriz: «Género y performance», Zehar: Revista de Arteleku-ko aldizkaria (Donostia), núm. 54 (2004), La repolitización del espacio sexual.