Autora: Ledo, Margarita   Título: Arredor do sostén

 

Aquí, entre nós, do sostén

Arredor do sostén

 

 

Margarita Ledo Andión

 

 

 

A raíña do xogo das prendas. Unha prenda con data de nacemento no ano doce do século XX: o sostén.

Unha prenda que nos representa, ás mulleres, coma colectivo. Cando nas manifestacións feministas dos sesenta se queimaron os suxeitadores coma símbolo de moitas opresións. Cando nos setenta lle puxemos sostén nas vallas publicitarias ao machiño todoterreo dos cigarriños Camel.

Unha prenda que nos clasifica por idades, por peso, por volumes, por castas ou por modos de vida. Lembro aquela freira, modelo circunstancial na revista Colors, por exemplo, que vestía un «cruzado máxico» confeccionado a partir dun patrón dos anos trinta e que combina cun bombacho, cun pololo de algodón exipcio da época vitoriana.

Noutra versión, digamos, laica o sostén foi coñecido como «gardanoivos», segundo me informou directamente a miña amiga Isaura, do restaurante O asesino de Santiago de Compostela.

No tempo, sucédense referencias á vestimenta interior das clases dominantes ?a lencería? ou aos aspirantes a se gobernar: os sans-culottes, os sen calzóns. A revolución.

Pero os grandes cambios na roupa interior aparecen coa súa popularización. Cando na Belle époque ?nesto da lencería o francés leva a palma? a faixa substitúe ao xustillo, as medias afínanse e fíxanse con ligas e aparece, voila!, o sostén.

O cinema, e sobre todo as revistas femininas sinalan o camiño a seguir. No xeral, na evolución da moda íntima teñen tanto que ver os cambios na moral como a aparición de novas fibras e tecidos, a decisión da muller sobre o seu aspecto e, como non, o fenómeno do novo coma un valor. É a sociedade de consumo.

A modernidade dunha vila, en entreguerras e aínda nos cincuenta-sesenta, mídese, tamén, polo tipo de establecementos que ofertan roupa interior para a muller.

Lencería, se pensamos nos materiais téxtiles, na sofisticación das formas, no fío, a batista, o popelín, a percalina, o crepe-satín; corsetaría, se pensamos nos obxectivos de perfilar o van, estreitar o cinto ou erguer a paletiña.

A miña aboa estaba subscrita á revista El Hogar y La Moda na librería Balmes, de Lugo. A miña mai e as miñas tías mercaban as prendas na casa Insua e os encaixes e detalles para abotonaduras, escotes e tirantes na Moda de París.

Despois veu a miña época, a do nylon, a vespa Piaggio, o bikini, o rock-and-roll máis a moda unisex en competencia co retorno ao retro, co falso negligé ?outra vez o francés?, as tentacións, o salto de cama e unha prenda inclasificábel chamada picardía e deica a conversión do sostén nun top de coiro ?coma as fasciae mamillare de Roma?, nun top de metais e lentexoulas ou, simplemente, na saída do sostén do interior para se lucir como prenda exterior.

Non fai falla advertir que o francés mudou para o inglés-americano.