Autora: Santasmarinas, Pencha   Título: O Proceso de profesionalización das mariscadoras galegas

 

Documento sin título

Proceso de profesionalización das mariscadoras galegas

Pencha Santasmarinas

Antes de empezar a falar do proceso de cambio das mariscadoras galegas temos que comezar facendo unha análise de cal era a situación de partida. Cales eran as características do colectivo de mariscadoras e cal era a problemática na que se atopaban inmersas.
Características das mariscadoras:
O seu perfil era o dunha muller cun nivel cultural medio baixo. Socialmente a imaxe do colectivo era a dun sector conflitivo, ás veces con violentos enfrontamentos, ou cando menos iso era o único que reflectían os medios de comunicación. O acentuado localismo era o que provocaba estes enfrontamentos. A falta de formación e concienciación facía que elas mesmas foran as principais depredadoras do recurso.
Non tiñan ningunha cultura de investimentos. A frase máis repetida por elas era o mar é de todos, e xa se sabe, o que é de todos non o coida ninguén. Isto facíaas totalmente dependentes da Administración.
Consideraban que era a Consellería de Pesca a que tiña que resolver todos os seus problemas. Sobre todo repoboar as praias e vixialas para que todas as seguisen esquilmando. Elas non asumían ningunha responsabilidade no proceso produtivo do marisqueo.
Consideraban o marisqueo como unha actividade marxinal, que lles permitía ter uns ingresos mínimos que compatibilizaban, a maioría, con outras profesións, sen pretender case nin soñar que poderían chegar a ter un salario digno, cando menos o salario mínimo interprofesional; e moito menos que o marisqueo puidese ser considerado como unha profesión.
Tiñan nula visión comercial, vendían moitas por fóra da lonxa, co que se facían a competencia entre elas mesmas. Estaban a mercé dos compradores.
Non tiñan representación nos órganos de dirección das confrarías de pescadores, polo tanto ningunha capacidade de decisión sobre a produción do marisco que fose en beneficio da súa mellora económica.


PROBLEMÁTICA

A problemática era unha consecuencia da situación na que se atopaban as mariscadoras. A falta de organización facía que o furtivismo, tanto interno como externo, acabara con todo.
Collían marisco sen ter o tamaño comercial mínimo, co que estaban impedindo a súa reprodución, de tal maneira que as praias estaban esquilmadas. Isto facía que a Administración se vise obrigada a establecer uns períodos de veda na época de reprodución para preservar o recurso.
As mariscadoras non tiñan ningunha capacidade de decisión na fase de comercialización do seu produto. Nas propias lonxas vendíase marisco que non acadaba o tamaño mínimo legal esixido pola lexislación vixente naquel momento.
O excesivo número de mariscadoras era un atranco para facer rendible o marisqueo. Sobraba moita xente. Se se quería profesionalidade había que reducir o número de mariscadoras que, daquela, andaba polas 12.000 (a maioría das cales, nun 80 %, non estaban dadas de alta na Seguridade Social —ISM— e o salario que acadaban nese intre era unha media de 1200 €/ano).
E por riba de todo era un colectivo de mulleres, nese momento acadaban un 95 %, casualmente como tódolos colectivos formados por mulleres eran condenados á marxinación. Esta realidade expresouna moi claramente un patrón maior dunha confraría cando dixo, «Mentres eu sexa patrón maior non consinto que unha muller sente no cabido», e como quen falaba coa Administración eran os patróns maiores das confrarías como representantes do sector, nunca tiñan tempo para falar da problemática do marisqueo a pé, porque había cousas máis importantes das que falar, simplemente as mariscadoras eran invisibles.
Cal foi o motor do cambio? Para que un proceso se poña en marcha cómpre unha serie de axentes que sexan os promotores dese cambio. Hai unha frase que a min me gusta moito e que aquí vén ó caso: «nada sucede se alguén non ten capacidade de soñalo». Se o soño ten a suficiente intensidade dánse as circunstancias para que se faga realidade.
Un fato de mariscadoras puxéronse a soñar xuntas e déronse unha serie de coincidencias para que o seu soño se fixese realidade:

1.- A xefa de sección do Servizo de Extensión Pesqueira era unha muller con experiencia no traballo de campo, en organizacións con mulleres e sensible ao tema da discriminación laboral da muller por razón de xénero.
2.- A directora xeral de Formación e Investigación da Consellería de Pesca era muller.
3.- A Xefa de Servizo de Marisqueo era muller.
4.- As mariscadoras eran mulleres. Este factor contribuíu a crear unha relación que non se tería establecido de seren homes os xestores.
5.- A convocatoria de novas prazas de Axentes de Extensión Pesqueira, persoal imprescindible neste proceso de cambio, xa que unha das súas funcións é lograr unha efectiva participación da poboación coa que traballa utilizando a metodoloxía apropiada con miras a unha eficaz participación no proceso de cambio.
6.- A actitude da Consellería de Pesca, que a través do Plan Galicia (programa de desenvolvemento profesional e organizativo do marisqueo) apostou por transformar o existente, sendo neste caso un exemplo de actuación eficaz da Administración pública nunha cuestión tan importante como a da igualdade de xénero.

Todas estas actuacións constituíron as bases da pretendida ordenación e profesionalización do marisqueo a pé en Galicia, no que as mariscadoras pasaron de simples colleiteiras a cultivadoras. Isto implicaba un cambio de mentalidade, pero tamén esixía elevar o seu nivel formativo e mellorar as súas estruturas tecnolóxicas, produtivas e organizativas.


FACENDO CAMIÑO

Entre 1993-1995 percorremos todas as confrarías onde hai marisqueo a pé falando coas mariscadoras para saber da súa problemática, para ver cal é a súa situación de partida, deixando claro que elas teñen que ser as protagonistas de calquera cambio que se queira facer.

I Encontro de mariscadoras, 1995, Vilagarcía de Arousa

Participan un total de 64 mariscadoras de 32 confrarías. Por primeira vez a Administración dialoga directamente coas mariscadoras, xa que en lugar de asistir os patróns maiores, como era habitual, convócase ás mariscadoras.
O obxectivo principal deste encontro é o intercambio de experiencias. É neste foro onde por primeira vez as mariscadoras de distintas confrarías teñen a oportunidade de coñecerse entre si, intercambiar experiencias e facer unha análise conxunta da súa problemática.
Este primeiro encontro é o punto de inflexión nun antes e un despois do marisqueo a pé en Galicia. As conclusións do mesmo son:
1.- Séntense excluídas das confrarías, non só non lles deixan participar nos órganos de dirección, senón que ademais nalgunhas non se admiten mulleres como socias.
2.- Existen problemas de entendemento entre as propias mariscadoras. Unhas queren apostar polo marisqueo como unha profesión e ouras non, queren que as cousas sigan como ata ese momento.
3.- Botan en falta un regulamento que as axude na súa organización.
4.- Denuncian a falta dunha política global coherente de cara ao uso do litoral. Non se fai un control de verquidos dalgunhas industrias ou desaugadoiros que nalgunhas zonas matan o marisco.
5.-Piden á Administración ter acceso a créditos brandos ou mecanismos de financiamento para facer os investimentos que consideren necesarios para a recuperación das praias: compra de semente, labores de limpeza, etc. Para que volvan a ser rendibles.
6.- Amosan preocupación polo pago das cotas da Seguridade Social do mar como requisito necesario para a profesionalización.
7.- Necesidade de formación, tanto desde o punto de vista técnico (coidado e cultivo de moluscos bivalvos) como lexislativo e organizativo.

Despois do primeiro encontro e grazas a un proxecto europeo NOW (Novas Oportunidades para as Mulleres) ponse en marcha un plan de formación específico e adaptado á súa problemática co que se pretenden acadar os seguintes obxectivos:
a.- A formación como ferramenta útil a curto e medio prazo. Información para as habilidades sociais.
b.- Capacitación técnica para introducir o cambio, pasar de ser simplemente colleiteira a facer semicultivo e autoxestión de recursos.
c.- Formación e capacitación organizativa e intercooperación.
d.- Criterios de cualidade comercial.

Déronse un total de:
124 Cursos Básicos de Formación, nos que participaron un total de 1747 mariscadoras.
12 Cursos de Formación de directivas.
16 Xornadas de Intercooperación.

Plan Galicia

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ao longo do ano 1996, puxo en marcha un proxecto para a profesionalización do marisqueo coñecido como Plan Galicia. Este plan pretendía unha transformación do sector, fixándose dous obxectivos fundamentais: a conversión do marisqueo a pé nunha actividade profesional e a autonomía financeira técnica e de xestión das entidades asociativas das mariscadoras.

Agrupacións de Mariscadoras
Parte do éxito da formación debeuse á vinculación co Plan Galicia, pois fixo que as mariscadoras viran a finalidade práctica do aprendido nos cursos.
Outro logro interesante do Plan Galicia foi que dentro da propia consellería as dúas direccións xerais que tiñan unha actuación directa sobre o sector como era a D. X. de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e a D. X. de Recursos Mariños empezaron a actuar coordinadamente nas accións dirixidas ao sector a través dos seus técnicos: axentes de extensión pesqueira e biólogos da zona, ademais de asistencias técnicas das confrarías e dos investigadores.
O orzamento do Plan Galicia (1996-2000) foi de 11.141.116 €.

II Encontro de mariscadoras, 1997, Viveiro, Lugo

No ano 1997 fíxose o II Encontro. Despois dun período de formación de dous anos e de aprender a facer semicultivo de ameixa a través do Plan Galicia, empezouse a notar o cambio de mentalidade. O mar xa non é de todos, senón de quen o traballa.
Empezaron a pensar na súa actividade como futuras profesionais.
Valoraron o que lles supuxo a formación e a información. A demanda que fixeron de máis cursos púxoo en evidencia.
Tiñan clara a necesidade de organización. A demanda dun regulamento para constituír a agrupación de mariscadoras foi unánime.
Nas confrarías, ante as actuacións das mariscadoras, a súa profesionalidade e os resultados que estaban vendo, houbo un cambio de actitude, nalgunhas confrarías empezaron a ter representación no cabido.

III Encontro de mariscadoras, 1998, Sada

Os obxectivos deste encontro eran:

1.- Asentar na conciencia das participantes o que o seu esforzo lles permitiu alcanzar.
2.- Que fixesen unha valoración dos logros acadados neses tres anos de cambio.
3.- Ter un debate sobre determinados temas que estaban afectando ao desenvolvemento do marisqueo e que elas mesmas tiñan detectado nas súas reunións periódicas cos axentes de extensión:
Estratexias de comercialización.
Plan de explotación. A súa implicación na planificación da actividade, que ata ese momento lles estaba vedada.
Como conseguir a erradicación do furtivismo.
A importancia da organización.
O acceso a e a regulación do PERMEX (permiso de explotación do marisqueo).
A calidade do medio ambiente.
Propoñer os novos obxectivos para os vindeiros anos.

Valoración dos logros: O que máis valoraron foi a formación, aprender a cultivar e a organización, para facer as limpezas das praias, rareos para que o marisco puidese medrar, e vixilancia polas propias mariscadoras as 24 horas do día, así como os puntos de control na praia, para supervisar os topes de captura e tamaños mínimos.
O que supuxo todo este proceso foi:
Diminución do furtivismo.
Aumento da produción e en consecuencia aumento das rendas das mariscadoras.
Empezar a fixar un prezo mínimo para a venda.
O cambio de mentalidade que supuxo pasar de colleiteira a cultivadora.
Conseguir representación nos órganos de goberno das confrarías.
Empezar a constituír as agrupacións de mariscadoras.
Máis unidade entre as propias mariscadoras.

Neste encontro marcáronse os seguintes obxectivos:
Aumento dos ingresos ata acadar un salario digno, cando menos o salario mínimo interprofesional.
A obrigatoriedade de estar dada de alta no ISM sendo titular do Permiso de Explotación como calquera outra traballadora para garantir os dereitos que supón.
Erradicación total do furtivismo. A experiencia ata ese momento facía pensar que era posible.
Empezar a traballar conxuntamente de cara a conseguir a denominación de orixe para a ameixa fina.
Ofrecer programas de formación continua para as mariscadoras.

Nese momento había 32 agrupacións e asociacións de mariscadoras legalmente constituídas, das que 29 se integraron na asemblea constitutiva de AREAL.
Desde o meu punto de vista os logros máis destacados neste proceso foron:
Que entendesen que a organización é a peza fundamental para calquera transformación.
Facer do marisqueo a pé unha profesión. Hoxe nalgunhas agrupacións roldan os 12.000 € anuais.
Facerse visibles. Un colectivo de mulleres chegou a ser modelo organizativo para outros sectores dentro das confrarías. Antes non existían as mariscadoras, só había mariscadores.
Recuperar a súa autoestima.
Representación nos órganos de goberno das confrarías.
Hoxe por primeira vez na historia do mundo do mar as mulleres teñen voz, son escoitadas.
Recuperar a individualidade.