Conversas en zapatillas

 martana  



Hai persoas que ante unha crise de estrés acoden ao psiquiatra, outras á pastelería, coñezo a máis dunha que lle dá por cociñar ou por cambiar os mobles da casa. As reaccións e mesmo os trucos e maneiras de saír a flote  son do máis variado. A miña fórmula consiste en acudir xunto a Carmiña.

Carmiña máis eu coñecémonos desde o colexio das monxas, mesmo coincidimos un par de cursos na universidade, pero logo nos deixamos de ver. Por iso me alegrei tanto o día que a descubrín nunha zapatería hai catro anos. As zapaterías sempre me gustaron pero desde que Carmiña está dentro do gremio, para min as visitas a  “Carmette” son algo máis que un entretemento. Tanto é así, que o resto das zapaterías só as piso para mercar .

Con Carmiña, probar zapatos é mellor que unha terapia completa contra o estrés, ademais dunha boa escusa para tomar café cunha torta de chocolate caseira, que está de morte.

A primeira vez que a vin en “Carmette”  estaba sentada detrás dunha mesa de cristal, lendo unha revista nunha esquina ao fondo do local. Quedei como sempre abraiada ante o seu estupendo cruce de pernas e a súa boquiña repintada brillando sobre un cute de nácara. Os rizos curtos levábaos tinguidos dun louro case branco,  pero aínda así resultaba inconfundíbel. A alegría de vela venceu a miña timidez de cutre ante o supercaro e entrei disposta a comer a bicos a Carmiña, pero unha señora con bastón de empuñadura de prata e pinta de vella cocotte, cruzouse no camiño e cun áxil golpe de bastón, cambioulle o sentido á revista que a miña amiga aparentaba ler –Muller pona ao dereito que esta señorita vai pensar que es parva– Carmiña, que debía estar nunha das súas escapadas mentais, arrubiou ata as orellas e levantou a vista cara min.

– Sorpresa!!!!... Mira ti, como no colexio cando nos rifaban as monxas, –díxenlle en voz baixa. Carmiña ergueuse pausada e achegou un par de bicos concisos ás miñas meixelas... A miña estirada e querida compañeira de xogos...

–Senta cómoda, que te vou ensinar os últimos modelos que acabamos de recibir de Milán, por certo que prefires zapatos, botíns ou botas?–

Recordo que me levei un bo chasco, despois de anos sen nos ver e ela só pensaba en me vender uns zapatos que seguramente nin co recurso da Visa me podería permitir a esas alturas de mes ...

–Tedes  zapatillas?–

–Iso está feito, nin sequera é preciso que as merques. –Díxome mentres empurraba por min contra o asento. Logo desapareceu por unha porta de cristal e deixoume alí sen nada que facer e con medo de afogar naquel inmenso local. As paredes estaban forradas cuns biombos de metacrilato e por detrás deles, unhas tenues luces de cores pasteis debuxaban ondas que avanzaban sinuosas cara o chan de mármore. E no medio do mar, eu, a única clienta, sentada nunha bonita chaise-longue, e rodeada de ondas acuosas por todas partes menos pola porta que daba cara á rúa, pero de  seguida decateime que aquela cocotte inmensa que a gardaba cun sorriso compracente, non me ía deixar pasar.

Por sorte Carmiña apareceu de novo cargada de caixas, e veu directa a sentar xunto miña. Sacou dous pares de zapatillas das caixas, un para ela e outro para mín, calzámonolos e puxémonos a falar dos amigos e da universidade, ata que chegou a cocotte cun café e un anaco de pastel de chocolate que ela mesma fixera esa mañá.

A cocotte, Dona Chelo, tiña unha teoría sobre a relación entre o calzado que pedían as clientas e o seu estado amoroso un tanto curiosa. As zapatillas por exemplo, eran para ela reveladoras, dicía que marcaban a fronteira da familiaridade, o amor máis sincero era o amor en zapatillas. Segundo ela, chegada unha certa idade todas deberiamos de ter un amor en zapatillas.

E tiña razón, ao verme hoxe con elas postas decateime de que esa era a imaxe que me estaba a perseguir todo o día; as miñas zapatillas xunto as súas, cada par no seu lado da cama..

As miñas zapatillas están acostumadas a convivir coas súas, para ben e para mal non hai sorpresas, unhas de cadros verdes e azuis e as outras de cadros azuis e verdes. Amplas zapatillas coas que pasear silandeira por espacios coñecidos, afeitas ás formas dos pés, mesmo cun burato se fai falla para que o xoanete respire, non importa estamos na casa, non é preciso conquistar nin convencer, só descansar...  Monotonía e rutina que sementan seguridades, agarimosa calidez na que descansar do transcorrer diario.  Con elas chega por fin o sono reparador das pequenas e grandes mesquindades.

Pero do sono que é soño emerxen ansias, desexos insatisfeitos, lembranzas agachadas entre a monotonía. ...Tal vez sexa tempo de pasarme por Carmette para mirar unhas sandalias...



Seguinte      Anterior

 

(Podedes enviar textos ou imaxes a: andaina@andainamulleres.org)

Un espacio aberto as vosas creacións...