| Os estereotipos sexistas perxudican a saúde das mulleres
Vinte anos despois de que a ONU fixase o 28 de maio como el Día Internacional
de Acción pola Saúde da Muller, as desigualdades por cuestións
de xénero na sanidade seguen presentes, tanto desde o punto de vista
diagnóstico e clínico, como terapéutico e asistencial,
sobre todo, debido a que os estereotipos sexistas están vixentes en todas
as vertentes da práctica médica. Para conseguir un sistema sanitario
mais igualitario, a directora do Observatorio da Saúde da Muller, Concepción
Colomer, apostou por “unha atención mais integral”, que teña
en conta as condicións de vida das mulleres.
O Ministerio de Sanidade e Consumo creou hai tres anos o Observatorio de Saúde
da Muller, organismo concibido como “un espazo no que participen mulleres,
sociedade civil, profesionais e investigadores, que xere información
que sirva para eliminar desigualdades no sistema de saúde”, explicou
a súa presidenta, Concepción Colomer.
O xénero é unha construción social, e nesta medida, inflúe
na saúde “a través das condicións de vida que teñen
as mulleres, das características do traballo que desempeñan e
das labores que fan como coidadoras”, actos cotiáns que, en opinión
de Colomer, teñen un reflexo na saúde.
Para a directora do Observatorio, os estereotipos sexistas están presentes
no sistema sanitario, prexudicando ás mulleres, porque os ensaios clínicos
de diagnóstico tomaron ao home como referinte universal do corpo humano.
“O modelo do persoal sanitario está baseado no varón, non
pola súa culpa, senón porque así o aprenderon e é
como tradicionalmente se entendeu”, sinalou.
O primeiro informe sobre Saúde e Xénero, presentado o pasado mes
de decembro polo Observatorio, manifestou que, até hai pouco, o infarto
de miocardio era descrito como unha patoloxía masculina, debido ao descoñecemento
da presentación clínica que presentaba nas mulleres. O estudo
subliña, ademais, que “o rol de xénero” provocou que
as mulleres se ocupen da saúde da familia antes que da súa propia.
Medicamentos para as mulleres
O mesmo informe revelou que as mulleres acoden menos ao médico por doenzas
propias, aínda que a maioría se medican para soportar os síntomas
da menopausa, que “non é unha enfermidade, porque non ten causa
coñecida”, senón que se trata dun proceso intrínseco
ao desenvolvemento feminino, asociado á idade, matizou Concepción
Colomer.
Mais dun milleiro de mulleres integran o Colectivo de Afectadas do Medicamento
‘Agreal’, e continúan esixindo, aos Gobernos central e autonómicos,
tratamentos para as enfermidades provocadas polos efectos secundarios deste
fármaco, comercializado polo laboratorio Sanofi-Avente, que a Axencia
Española do Medicamento retirou, en xuño de 2005, por producir
trastornos psiquiátricos e neurolóxicos.
José Antonio Ramos, avogado que dirixe a demanda conxunta de 300 afectadas,
explicou que Agreal se comercializa noutros países, entre eles, Francia,
Italia, e Bélxica, “pero en todos advírtese das reaccións
adversas que pode producir, mentres que en España non se estaba a informar
de nada e se tomaba como algo inocuo”. O avogado engadiu que, no ámbito
da medicina de familia, non se advertiu que o fármaco tiña consecuencias
graves para a saúde das mulleres porque os seus efectos, como depresión
e problemas respiratorios, cadran cos síntomas da menopausa.
Aínda que a polémica do Agreal non é competencia do Observatorio
de Saúde da Muller, a súa directora, Concepción Colomer,
asegurou estar preocupada polos tratamentos que a miúdo se recomendan
para a menopausa ou a endiometrose (dor menstrual intenso), “porque se
tenta medicalizar desde diferentes frontes, como a industria farmacéutica,
de tratamento diagnóstico, e ás veces , polo descoñecemento
dos propios profesionais, creándose unha dependencia cara os medicamentos”.
Por outro lado, a Secretaria do Defensor do Doente solicitou ao Ministerio a
retirada da utilización dos fórceps durante o parto, por considerar
que teñen riscos para os bebés. Ante esta demanda, Concepción
Colomer dixo que “estamos a realizar un traballo coas sociedades profesionais
para mellorar a asistencia ao parto, traballando en indicadores de calidade”
e incorporando os temas de saúde reprodutiva ao Sistema Nacional Saúde.
|