Ver máis noticias   Anterior   Primeira

 

Data:  2010-01-01 Tema:  varios Orixe:  andaina53
Documento sin título A primeira muller premio Nobel de economía
Elinor Ostrom recibiu este ano o Premio do Banco de Suecia en Ciencias Económicas en memoria de Alfred Nobel e aínda que o premio é compartido con Oliver Williamson, non deixa de ser meritorio ser a primeira muller en recibilo. Este premio, instituído no ano 1969, non é sufragado pola Fundación Nobel, senón polo Banco de Suecia (Sverixes Riksbank), xestiónao a Real Academia Sueca de Ciencias e entrégase á vez que os premios Nobel.
Houbo que esperar corenta anos para que a academia fixese xustiza salientando as achegas que as mulleres realizan neste campo, sobre todo en temas ligados á micro-economía e as economías emerxentes de carácter local.
Elinor Ostrom é profesora da universidade de Indiana; é fundadora do Centro para o Estudo da Diversidade Institucional da Universidade de Arizona; desde o ano 1991 é membro da Academia Americana das Artes e as Ciencias; nos anos 1996 e 1997 foi a presidenta da Asociación Americana de Ciencias Políticas, sociedade da que xa fora vicepresidenta na década dos setenta. O seu currículo mantense na páxina da universidade aínda aos seus setenta e seis anos e está cheo de referencias ás súas publicacións e investigacións.
A súa obraé máis coñecida no contorno das ciencias políticas que nas económicas e céntrase en estudar a xestión da propiedade comunal como alternativa á privatización dos recursos ou á xestión pública. No libro Protecting the Comons expón que as terras comunais, acuíferos ou recursos que non son legalmente propiedade dunha única entidade son temas cada vez máis polémicos nas áreas de xestión e mesmo nas relacións internacionais. Esta obra proporciona unha actualización concreta en canto a usos dos bens comúns e ofrece once casos prácticos nos que se estuda a toma de decisións ou os problemas xurídicos de tipo ambiental. Achéganos unha revisión das ferramentas útiles na toma de decisións e para o exame de problemas xurídicos de tipo ambiental que son relevantes para as comunidades. Nas súas investigacións sobre a xestión dos recursos naturais polas propias comunidades locais, toma como exemplo o Tribunal das Aguas de Valencia. Este premio é un recoñecemento ao seu traballo de investigación sobre os métodos que usan as distintas comunidades para xestionar uns recursos escasos para a súa supervivencia.

Ver máis noticias   Anterior   Primeira

    Noticias do noso arredor, denuncias, comentos breves para abrir boca...

Ver outros temas:

cultura
ensino
prostitución
saúde
sexualidade
traballo
violencia
varios