Ver máis noticias   Anterior   Primeira

 

Data:  2009-06-01 Tema:  varios Orixe:  andaina
Exeria: corrector de linguaxe sexista en software libre


Estrela Vilaverde

Exeria foi unha muller, crese que nacida na Gallaecia, pioneira para o seu tempo, xa que escribiu un libro da viaxe que fixo no século IV ao Oriente Próximo. Na súa honra púxoselle o nome a unha innovadora ferramenta informática creada polas empresas galegas Tagen Ata e Imaxin.
A aplicación analiza os textos e ofrece alternativas para un uso non sexista da linguaxe. Detecta os termos que poden considerarse discriminatorios e propón diferentes solucións, ofrecendo varios termos para realizar a escolla máis axeitada ao texto, de forma semellante ao funcionamento das ferramentas de corrección ortográfica ou gramatical. Dentro do proxecto Exeria existe tamén un buscador de termos en rede que pode resolver as dúbidas máis habituais.
O seu obxectivo inicial é servir de ferramenta de axuda ás persoas que traballan no eido da Administración, para conseguir que os textos administrativos empreguen unha linguaxe de carácter inclusivo; se ben, a súa vocación é de xeralidade.
A selección de termos (tras a análise de mais de 129 millóns de palabras) está baseada nun uso actual da lingua apoiándose na análise de diferentes textos da Administración.
Fronte a outras ferramentas semellantes xa existentes no Estado español (Themis, T-incluye, La lupa violeta...), Exeria destaca por ser de código aberto, polo que pode integrarse no paquete ofimático de software libre openoffice.
Na páxina web www.exeria.net podemos atopar toda a información sobre esta innovadora ferramenta informática, facer a súa descarga para diferentes sistemas operativos, e así mesmo facer comentos e suxestións, para a súa mellora e ampliación.

Ver máis noticias   Anterior   Primeira

    Noticias do noso arredor, denuncias, comentos breves para abrir boca...

Ver outros temas:

cultura
ensino
prostitución
saúde
sexualidade
traballo
violencia
varios