Ver máis noticias   Anterior   Primeira

 

Data:  2009-05-01 Tema:  varios Orixe:  andaina 51
Documento sin título

PRESENTACIÓN DA REVISTA ANDAINA
NA UNIVERSIDADE CARLOS III DE MADRID

Anna Amorós Pons

O pasado decembro, a revista Andaina foi presentada academicamente na Universidade Carlos III de Madrid, dentro dos relatorios do «I Congreso Mujer y Periodismo. En homenaje a Josefina Carabias». Baixo o título «Prensa feminista: 25 anos da revista Andaina» fíxose un percorrido da publicación na súa longa traxectoria no eido editorial galego. A conferencia centrouse en catro ámbitos de análise: no primeiro fíxose unha aproximación ao(s) contexto(s) da súa orixe; no segundo, un estudo das diferentes etapas da súa evolución; no terceiro, unha reflexión dos seus contidos temáticos e os cambios sociais, políticos e culturais acontecidos na sociedade galega e española; e, finalmente, unha análise do deseño gráfico, onde diversos estilos brotan das súas portadas como unha fonte inesgotable de creatividade.

O congreso foi dirixido pola catedrática de xornalismo Pilar Diezhandino e a profesora titular Teresa Sandoval e coordinado por Clara Sainz de Baranda e estivo organizado polo grupo de investigación PASEET (Periodismo y Análisis Social: Evolución, Efectos y Tendencias), conxuntamente co Departamento de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da UC3M. Nel rendéuselle homenaxe, no centenario do seu nacemento, á figura da xornalista republicana e socialista Josefina Carabias (1908-1980). Esta muller é considerada a precursora do xornalismo feminino español. Profesional do xornalismo escrito e radiofónico e, ademais, escritora. Durante a segunda República foi cronista parlamentaria dos xornais Ahora y La Voz; colaboradora no programa informativo radiofónico La palabra de Unión Radio; ao rematar a guerra civil traballou no xornal Informaciones e, a partir do ano 1954, foi a súa corresponsal en Washington; en 1959, e durante nove anos, foi corresponsal en París para o xornal Ya; despois, ao voltar a España incorporouse como redactora a este xornal durante trece anos, ata a súa morte. Durante un período da súa etapa profesional como xornalista, nos anos corenta, utilizou o pseudónimo Carmen Moreno. Moreu aos 72 anos.

O Encontro «Mujer y Periodismo» durou tres días e a temática centrouse en tres eixes: a función da muller no xornalismo, a visibilidade da muller na información mediática e o xornalismo de Josefina Carabias. A conferencia inaugural correu a cargo de Magis Iglesias de FAPE (presidenta da Federación de Asociaciones de Periodistas de España). No congreso participaron tamén Maite Alcaraz (redactora xefe de ABC), Indira García (xerente da sección Internacional e Corresponsalías dos Servizos Informativos de Antena 3), Carmina Jaro (directora do programa diario de actualidade social Corazón de TVE), Fernando García Romanillos (Vocento), as xornalistas e escritoras Isabel San Sebastián e Judy Bustamante, Charo Izquierdo (directora de Yo Dona), Cristina Pérez Fraga (directora xeral da Axencia de Comunicación de Xénero AmecoPress), Iñaki Gabilondo (Presentador de Noticias Cuatro 2), Catherine Saupin (Universidade de Nantes-Francia), Mercedes Rico Carabias (embaixadora de España en Irlanda) e Fernando González Urbaneja (presidente da Asociación da Prensa de Madrid).

Os actos tiveron lugar no Salón de Graos e na Aula Magna do Edificio da Reitoría da Universidade Carlos III de Madrid, no Campus de Getafe, durante os días 10, 11 e 12 de decembro de 2008.

Ver máis noticias   Anterior   Primeira

    Noticias do noso arredor, denuncias, comentos breves para abrir boca...

Ver outros temas:

cultura
ensino
prostitución
saúde
sexualidade
traballo
violencia
varios