Ver máis noticias   Anterior   Primeira

 

Data:  2007-06-01 Tema:  prostitución Orixe:  andaina 46
MANIFESTO GRUPO ESTUDOS DE POLÍTICA CRIMINAL


O Grupo de Estudos de Política Criminal constituído dende 1989 por uns douscentos penalistas ?profesorado de universidade, xuízas/es e fiscais? manifestouse o pasado mes de novembro a favor da regulación do exercicio voluntario da prostitución entre adultos.
Seguindo as indicacións da OIT, que recoñece a prostitución como unha actividade económica que debe ser recoñecida e regulada en beneficio de quen a exerce e, tomando como base unha contundente doutrina da xurisprudencia dos nosos tribunais que ampara esa recomendación internacional de protección aos dereitos das/dos traballadoras/es do sexo, este grupo acordou manifestar o seguinte:

1. É unha realidade constatada no noso país que miles de adultos prestan voluntariamente servizos sexuais remunerados. É preciso que as autoridades non desprecen este feito, para a comprobación do cal ha de propiciarse un método de coñecemento razoable fuxindo das aproximacións morais, que nin sequera son hoxe socialmente maioritarias e que tentan simplificar un fenómeno complexo e diverso. Tampouco pode descoñecerse que, aínda sendo as devanditas persoas maioritariamente mulleres, hai moitos homes e transexuais que se dedican á prestación de servizos de carácter sexual. O debate, xa que logo, non pode ser monopolizado por un discurso en clave de xénero.

2. A represión de todas as actividades relacionadas coa prostitución deu un balance histórico que só pode ser cualificado de lamentable pois, en lugar de erradicar o fenómeno ?como pretendía?, acochouno provocando unha serie de efectos perniciosos tales coma o estigma, o illamento e a indefensión das persoas que a exercen ás que se sitúa en condicións de máxima vulnerabilidade.

3. A ninguén se lle oculta a hipocrisía que supón poñer atrancos á regulación da prestación voluntaria de servizos sexuais e permitir pola contra que a oferta deses mesmos servizos xere cuantiosos ingresos por publicidade aos medios de comunicación que a anuncian, fomentando ao mesmo tempo unha actividade económica somerxida e descontrolada que prexudica a todos.

4. Por outra banda, debe recoñecerse que a situación de non legalidade en que se atopa quen exerce a prostitución en condicións de non recoñecemento favorece a súa explotación por parte dos empresarios que non se cren obrigados a respectar os seus dereitos sociais e laborais básicos, despoxándoos de calquera clase de responsabilidade legal. É sabido, ademais, que a persecución da contorna da prostitución libremente exercida e de quen se lucra con ela, prexudica a necesaria transparencia dese mercado favorecendo a proliferación de organizacións delituosas dedicadas á trata de persoas, na medida en que fomenta o carácter clandestino destas actividades e non motiva a denuncia da vítima. Isto sen prexuízo do noso convencemento da necesidade de loitar, de maneira decidida e eficaz, contra calquera forma de actividade sexual forzada.

Á vista das recentes conclusións expresadas pola Comisión Mixta dos Dereitos da Muller do Congreso dos Deputados, este Grupo non pode máis ca mostrar o seu rexeitamento ante a posición de quen, dende a posición dun Estado que se autocualifica de social, acorda negar a cidadanía laboral ás persoas que exercen a prostitución impedindo o recoñecemento da súa existencia como suxeitos de dereitos. O recoñecemento da dignidade humana como valor supremo recollido na nosa Constitución esixe o respecto á vontade de quen, sendo maior de idade, decide prestar servizos remunerados de carácter sexual. Negar de cheo a posibilidade de que esa opción sexa válida constitúe un tratamento paternalista da muller (e do home) como persoas incapaces de tomar decisións adultas. Supón relegalas, sen ningunha lexitimidade, á condición de infrasuxeitos. Esta é unha responsabilidade moi grave que unha política criminal democrática non debería asumir.

Ver máis noticias   Anterior   Primeira

    Noticias do noso arredor, denuncias, comentos breves para abrir boca...

Ver outros temas:

cultura
ensino
prostitución
saúde
sexualidade
traballo
violencia
varios