Ver máis noticias   Anterior   Primeira

 

Data:  2007-02-25 Tema:  prostitución Orixe:  colectivo hetaria
Documento sin título Ante as conclusións ás que chegou a Comisión Mixta dos Dereitos da Muller do Congreso dos Deputados en relación ao tema da prostitución, o colectivo Hetaira (Colectivo en Defensa dos Dereitos das Prostitutas) quere manifestar:

1. Que lamentamos profundamente tales conclusións xa que deixan totalmente desprotexidas as mulleres que exercen a prostitución e reafirman a vulneración de dereitos a que hoxe están sometidas.

2. Que, tal e como manifestamos reiteradamente as Asociacións que temos coñecemento directo do tema, a loita eficaz contra a trata de mulleres con fins do comercio sexual só é posíbel se se diferencia claramente a prostitución voluntaria, que debe ser recoñecida legalmente, da prostitución forzada que debe ser perseguida. Así tamén se recoñece no Informe da Unidade Técnica de Policía Xudicial da Garda Civil elaborado en 2004.

3. Que as conclusións ás que chegou a Comisión están altamente prexuizadas e ideoloxizadas e non teñen en conta a realidade concreta das persoas traballadoras do sexo. Derramáronse os cartos públicos e o tempo de todas as persoas que pasaron pola Comisión para intentar xustificar unhas conclusións que estaban tomadas antes de que a Comisión empezase os seus traballos así o demostran as declaracións dos membros do PSOE e do PP cando se constituíu a Comisión que coinciden ao cento por cento co que foi aprobado.

4. Sorpréndenos a terxiversación que se fai dos artigos 9 e 14 da Constitución para negar a consideración da prostitución como un traballo, cando eses mesmos artigos serven para recomendar xustamente o contrario: a necesidade de que se acabe coa discriminación que sofre este sector de traballadoras polo feito de ofrecer servizos de carácter sexual. A ideoloxía discriminatoria que xulga as mulleres en función do seu comportamento sexual segue presente nas conclusións da Comisión.

5. Preocúpanos especialmente que un sector do feminismo en nome da dignidade das mulleres en abstracto negue a dignidade das mulleres que queren seguir exercendo voluntariamente a prostitución, invisibilizándoas e desconsiderando os seus dereitos como traballadoras. Nisto non está de máis lembrar que neste país tivemos unha lexislación abolicionista baixo o franquismo e que a Lei, que se promulgou en 1956 para erradicar a prostitución aludía no seu preámbulo á dignidade das mulleres.

6. Desde Hetaira esperamos que o sentido común prevaleza e reiteramos a nosa vontade de seguir loitando para que se garantan os dereitos de todas as persoas que exercen a prostitución. Neste camiño parécenos fundamental o recoñecemento da prostitución como un traballo que tamén é exercido de xeito voluntario e en consecuencia o recoñecemento de dereitos que se derivan diso.


HETAIRA (Colectivo en Defensa dos Dereitos das Prostitutas)

Ver máis noticias   Anterior   Primeira

    Noticias do noso arredor, denuncias, comentos breves para abrir boca...

Ver outros temas:

cultura
ensino
prostitución
saúde
sexualidade
traballo
violencia
varios