Ver máis noticias   Anterior   Primeira

 

Data:  2007-01-01 Tema:  traballo Orixe:  andaina

Que nos fogares elas traballan máis horas non é novidade algunha. Que é un traballo invisible e oculto tampouco aporta nada especial. Si resulta novidosa A Conta Satélite de Produción Doméstica do Instituto Galego de Estatística que cuantificou a riqueza que xeran as tarefas do fogar, que en termos económicos equivale ao 37% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, o que sitúa esta economía á altura do sector industrial, do agrario ou da construción.
A Conta Satélite foi presentada aos medios de comunicación no final de setembro pola Secretaria Xeral de Igualdade, Carme Adán e o director do Instituto Galego de Estatística, José Colino.

A finais de agosto os xornais facíanse eco dun inquérito elaborado por Vicepresidencia da Xunta de Galicia sobre algunhas ideas das galegas e dos galegos.
Un 20% opina que o deber dunha muller é coidar da casa e o deber do varón gañar os cartos.
O 14 % que o lavado da roupa é cousa de mulleres e o 25% din que as pequenas reparacións son cousa deles.
Un 80% cre que as responsabilidades familiares son o principal atranco para que as mulleres poidan desenvolver os seus traballos en igualdade cos varóns (porque supoñen ?engado eu? que as familias son cousa delas e as deixan nas súas mans. Si, non si?), de feito elas, cando buscan un emprego priman poder compatibilizar traballo e familia mentres que eles priorizan o soldo.
Mirando cara atrás é certísimo que esta sociedade ten cambiado moito, porén… hai moito que andar.
Que llo pregunten se non á sociedade sueca, que se considera líder en igualdade, sen embargo di Gudrun Schyman experimentada parlamentaria e cabeza de lista do novo partido feminista ás eleccións do 17 de setembro na entrevista que lle fixeron Priya Álvarez e María Pazos: «O patrón de poder de homes sobre mulleres remanece: altísimas taxas de emprego feminino a tempo parcial, ocupación moito máis elevada do traballo doméstico e de coidados familiares e menores ingresos nas actividades remuneradas».

Ver máis noticias   Anterior   Primeira

    Noticias do noso arredor, denuncias, comentos breves para abrir boca...

Ver outros temas:

cultura
ensino
prostitución
saúde
sexualidade
traballo
violencia
varios