Ver máis noticias   Anterior   Primeira

 

Data:  2006-03-01 Tema:  prostitucion Orixe:  Colectivo Hetaria
Documento sin título MANIFESTO DO COLECTIVO HETAIRA EN DEFENSA DOS DEREITOS DAS PROSTITUTAS

Diante das declaracións do Goberno sobre a proposta da Generalitat de Cataluña de regulamentar a prostitución, o colectivo en Defensa dos Dereitos das Prostitutas Hetaira, quere manifestar:

1.- O informe do Instituto de la Mujer sobre a prostitución está elaborado desde unha perspectiva abolicionista chea de moralina e que contribúe a seguir estigmatizando as mulleres que exercen a prostitución por decisión propia ao reducilas a «unha mercadoría que se pode comprar, vender, alugar e explotar sexualmente con total liberdade», ou formulando que «son despoxadas da súa condición de persoa, reducíndoas a mero obxecto de pracer para o cliente». Estes tipos de consideracións negan calquera capacidade de decisión e negociación das traballadoras do sexo sobre a súa actividade, considerándoas menores de idade que deben ser protexidas aínda que non queiran.

2.- Así mesmo, resúltanos sorprendente a súa crítica aos intentos que a lei que está elaborando a Conselleira de Interior da Generalitat fai de recortar as longas xornadas de traballo de moitas prostitutas nos clubs. Unha iniciativa interesante dadas as condicións de traballo que moitas mulleres teñen nos locais de alterne. Negar que existen estas situacións deixa as traballadoras en mans dos empresarios sen ningún dereito ao que acollerse para ter unhas condicións de traballo semellantes ás doutros traballadores.

3.- A crítica que se fai á proposta da lei catalá sobre as inmigrantes que exercen a prostitución é dunha demagoxia indignante. O problema non é que se isto se aprobase sería un reclamo para o exercicio da prostitución, senón o contrario: existen moitas mulleres que teñen medios para vivir no noso país exercendo o traballo sexual, mais que non poden obter os seus papeis porque este non é recoñecido como unha actividade lícita e legal.

Que o Goberno asuma sen máis as posicións do informe elaborado polo Instituto de la Mujer preocúpanos enormemente porque implica facerse eco das ideas máis rancias, moralistas e patriarcais. E faino da peor forma posíbel, desde posicións «supostamente» feministas, que castigan á desprotección máis absoluta un importante número de mulleres. Non é ese o feminismo que desexamos, que xulga e desestima a palabra das prostitutas, invalidando as súas opinións. Non é o feminismo que busca a solidariedade «entre todas as mulleres». Así mesmo pechar os ollos ante as discriminacións que hoxe sofren un número importante de mulleres que exercen o traballo sexual, é colaborar a que estas discriminacións se sigan producindo.
O Goberno, antes de tomar calquera posición sobre este tema, debería contar coa voz das organizacións que traballan con prostitutas e especialmente coa opinión das propias interesadas, en lugar de encargar informes elaborados desde os despachos, con moita ideoloxía pero cunha total falta de coñecemento sobre a situación que se dá na realidade.
Reiteramos unha vez máis a necesidade de recoñecer que a prostitución é unha opción laboral para moitas mulleres e, en consecuencia, que se recoñezan legalmente os dereitos laborais e sociais que se derivan da mesma.

Ver máis noticias   Anterior   Primeira

    Noticias do noso arredor, denuncias, comentos breves para abrir boca...

Ver outros temas:

cultura
ensino
prostitución
saúde
sexualidade
traballo
violencia
varios