Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
A papisa Xoana
   Documento sin título O pasado 13 de marzo o arxentino Jorge Mario Bergoglio converteuse no papa de Roma. Os medios de comunicación, no fervor mediático que precedeu o evento, enchéronse a recordarnos que calquera cristián bautizado podía ser elixido cabeza visible da Igrexa católica. Referíanse, naturalmente, a calquera home, a calquera varón.
Tras a elección, o papa Francisco non tivo que sentarse na sella stercoraria, unha cadeira co cu furado que até o século XVI se usou no Vaticano para demostrar a virilidade do pai da Igrexa. Segundo parece, tras cada nova elección, celebrábase un ritual no que un diácono apalpaba os xenitais do electo mentres este permanecía pacientemente sentado na tal cadeira. En caso de que a observación manual fose satisfactoria, o diácono berraba: Habet! (referíndose a que o individuo posuía testículos). O público asistente replicaba entón entusiasmado: Deo gratia!
Tan singular costume caeu en desuso, segundo nos conta Cipriano Valera, en Los dos tratados, un volume publicado no ano 1588, porque os papas «demostraron ser homes nas mancebas, rameiras e putas que teñen». Bonita e sólida razón, que o escritor do XVI apuntala cunha longa listaxe de sucesores de san Pedro aos que engade o nome dos seus correspondentes fillos naturais.
Segundo parece, todo este barullo da cadeira furada e do magreo de xenitais ten que ver cunha tal Xoana, unha moza alemá, de orixe inglés que, travestida de frade, tería viaxado por toda Europa, estudado en Atenas e exercido a docencia en Roma, onde a súa sabedoría alcanzou tal sona que o pobo a aclamou por unanimidade como pai da Igrexa tras o pasamento do papa León IV (847-855). Seica a papisa e erudita Xoana tería gobernado a Igrexa católica durante dous ou tres anos, entre o 855 e o 857, sen que ninguén reparase na súa condición sexual.
O seu nome, que por suposto non figura en ningunha das listaxes oficiais da Igrexa católica, asóciase a un triste final, segundo o cal a moza embarazada do embaixador Lamberto de Saxonia púxose de parto xusto no medio dunha procesión, entre San Xoán de Letrán e San Pedro do Vaticano. A sorprendida concorrencia lapidou a parturienta e no lugar ergueuse unha estatua de pedra que representaba a unha muller vestida de papa cun cetro na man e un neno no colo. Segundo Bieito III, para «inspirar horror ao escándalo que sucedeu nese sitio». Lutero tivo a oportunidade de ver a estatua cando visitou a cidade en 1510.
A partir daquela, as procesións evitaron o lugar e os altos cargos eclesiásticos torceron a cara e o seu percorrido cada vez que se aproximaban á estatua. Supomos que, como na actualidade, temían que as costelas de Adán, as impuras que parimos con dor, nós, esas tentacións personificadas, ocupásemos un lugar que ao seu entender, non nos corresponde.


Para saber máis:
CROSS, Donna W.: La papisa, Barcelona, Círculo de Lectores, 1998.
BOCCACCIO, GIOVANNI: De claris mulieribus, Madrid, Cátedra, 2010.
La papisa, película dirixida por Sönke Wortmann, 2009.
La papisa Juana, película dirixida por Michael Anderson, 1972.

Ver outras