Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
As Irmás Touza Dominguez
  

As Irmás Touza Domínguez

Lola, Amparo e Xulia Touza Domínguez representan a milleiros de anónimas mulleres galegas que con discreción e xeneroso desinterese souberon axudar a quen precisou agocharse e fuxir clandestinamente do seu país en tempo de guerra.
As tres axudaron con valentía e durante anos a un número indeterminado de persoas, entre elas moitas xudías e xudeus escapados do horror do nazismo durante os anos máis duros da Segunda Guerra Mundial. Chegaban en tren a Ribadavia desde Medina del Campo, vía Monforte. Por escuros e secretos camiños, as comprometidas irmás Touza souberon facer que alcanzasen as seguras terras portuguesas. Nos anos corenta estiveron no cárcere.
Tres mulleres con carácter, que permaneceron solteiras e viviron sempre xuntas na pequena vila ourensá que as vira nacer. Alí gobernaban unha pequena cantina instalada nun quiosco ao lado da estación de ferrocarril da capital do Ribeiro. O negocio permitíalles recibir e atender as primeiras necesidades dos acabados de chegar. Algúns dos fuxidos pasaron días agochados na casa familiar que as irmás posuían no número 2 da rúa do xuíz Viñas. Desde alí escapaban ao país veciño coa axuda doutros dous participantes nesta clandestina rede de auxilio, eran o taxista Xavier Míguez O Calavera e o condutor dun coche de punto chamado Xosé Rocha Freixedo. Lola, Amparo e Xulia contaban ademais coa axuda de Ricardo Pérez Parada, toneleiro de profesión que estivera emigrado nos Estados Unidos e lles facía de tradutor.
O 26 de xuño de 1966 faleceu a maior das irmás, Lola, sufriu un ataque ao corazón na cantina da estación. Quince anos despois, o 6 de febreiro de 1981, tocoulle a quenda a Amparo e ao pouco, o 6 de xuño de 1983, acompañounas Xulia.
As chamadas Schindler galegas recibiron o pasado 7 de setembro unha homenaxe póstuma en Ribadavia. No acto, organizado pola Red Sefardí de España e polo centro de Estudos Medievais de Ribadavia, solicitouse a declaración das tres irmás como Xustas das Nacións, máximo recoñecemento do estado israelí a persoas que axudaron aos xudeus durante o Holocausto.

 

Para saber máis:
• PATIÑO, Antón: Memoria de ferro, Vigo, A Nosa Terra, 2005 (os capítulos: «Lola, Amparo e Xulia, as de Ribadavia» (pp. 153-156) e «O toneleiro evanxelista» (pp. 157-159).
• http://www.laopinioncoruna.es/estaticos/domingo/20080921/domingo.html
• http://www.elpais.com/articulo/Galicia/busca/judio/muerto/elpepiautgal/20081004elpgal_19/Tes/

Ver outras