Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
As heroínas da illa de Sálvora
  As heroínas da illa de Sálvora

O 1 de febreiro de 1921 o xornal A Nosa Terra recollía a seguinte noticia: «A “Irmandade da Fala” da Coruña acordóu iniciar un homenaxe as tres heroicas rapaciñas de Sálvora. Josefa Parada, de 25 anos, Cipriana Oujo, de 16 e María Fernández, de 14, que n’unha pequerrecha dorna, espóndose a unha morte segura, desafiaron o temporal, andando e desandando tres veces perto de duas millas para salvaren d’afogamento a moitos náufragos do “Santa Isabel”.
A iniciativa da “Irmandade”, sempre atenta a esaltal-os valores da Terra vai por bó camiño».
O Santa Isabel, un vapor-correo cargado de emigrantes que zarpara do porto da Coruña con destino a Cádiz, afundira na madrugada do 2 de xaneiro dese mesmo ano nas inmediacións de Sálvora. Josefa, Cipriana e María, saíron en auxilio de pasaxeiros e tripulantes en canto sentiron o son da buguina pedindo axuda. As tres sabían que aquela noite a maioría das familias da illa non lles poderían valer aos náufragos, pois estaban en terra firme, pasando as festas cos seus. Estas valentes e anónimas mulleres do mar fixeron un total de catro viaxes entre a illa e o Santa Isabel. Na última delas remolcaron un dos botes salvavidas do barco ateigado de asustados viaxeiros.
Sen máis recursos cunha pequena embarcación e a forza dos seus brazos, as «heroínas de Sálvora» lograron salvar a vida de medio centenar de persoas das 266 que ían a bordo. O resto faleceron no accidente. Outras mulleres e mozas deron acubillo e prestaron os primeiros auxilios aos rescatados que ían chegando á illa. Cando por fin chegou a axuda de Ribeira, ben entrada a mañá, pouco quedaba por facer, os que non faleceran afogados estaban seguros en Sálvora.
Ademais da iniciativa emprendida pola Irmandade da Fala da Coruña, estas bravas mulleres recibiron unha pensión de por vida e a Cruz de Terceira Clase con Distintivo Negro e Branco, do Consejo de Estado. Desde aquela o Concello de Ribeira ostenta o título de «Moi nobre, moi leal e moi humanitaria cidade».

Ver outras