Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Carmen Álvarez
  Carmen Álvarez


É unha moza de apenas vinte anos cando intervén o 20 de xuño de 1909 no primeiro mitin rural que se organiza na campaña contra os foros que se celebra en Tomiño (baixo Miño).
Ela, como outros oradores, Jacinto Crespo —que se dirixe ao público en galego—, Julián Estévez, ambos do concello de Lavadores, pertencen á sociedade de Teis: o Directorio Antiforal de Teis, constituído entre 1907-1908 e que vai supor unha nova etapa na loita antiforal.
Paga lembrar, segundo noticias de Durán, que de 1898 a 1907 fúndanse 273 sociedades agrarias; que en xaneiro de 1906 se promulga a lei de Sindicatos Agrícolas, que non contempla como fin a defensa dos dereitos das persoas asociadas e na que a representación política ou sindical a tiñan os varóns. Rianjo Comercial (1910) daba conta da novidade de que as mulleres participaban nas asembleas e mitins agrarios en plano de igualdade cos varóns e, case sempre, con maior radicalismo.
Neste contexto, a presenza de Carmen Álvarez como oradora nos mitins da campaña para conseguir a eliminación dos foros remítenos á importancia que houbo de ter e o seu destaque.
Acadou sona polo seu «cálido verbo combativo», do que daban conta as notas de prensa da época, incluído o xornal madrileño El Mundo en 1910, que di Aurora Marco. Moi activa no movemento agrarista e en contra do caciquismo, participando nas xuntas das sociedades, nos mitins, nas loitas onde a presenza de labregas era sinalada. Xunto a ela, tamén Elena Estévez gañou sona neste movemento que vai acabar coa redención dos foros baixo a ditadura de Primo de Rivera en 1927

Para saber máis: http://es.calameo.com/read/0002722741ee9cbfa9a6c
Ilustración: Antonio Seijas

Ver outras