Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Carmen de Burgos
   Documento sin título

Carmen de Burgos Seguí foi unha xornalista, escritora, tradutora, pedagoga e activista dos dereitos das mulleres no Estado español. Aínda que desde hai xa uns anos se ten reivindicado a súa figura desde os círculos académicos, segue a ser un personaxe bastante descoñecido, permanecendo especialmente oculta a súa faceta de pioneira do feminismo e das loitas sociais.
Naceu en Rodalquilar (unha localidade do concello de Níjar, Almería) o 10 de decembro de 1867, onde o seu pai, vicecónsul de Portugal en Almería, posuía terras, minas e un cortijo. Casou aos 16 anos, malia a oposición paterna, cun xornalista doce anos maior ca ela, fillo do gobernador civil almeriense. O seu sogro era tamén propietario dunha tipografía na que se imprimía o principal diario da capital, polo que Carmen puido familiarizarse co ámbito da prensa desde nova. Tivo catro fillos, dos que faleceron tres. Tras a terceira desas mortes, farta dos malos tratos do seu marido, abandonou o fogar coa súa única pequena sobrevivinte.
Chegou a Madrid en 1901, aos 33 anos, co título de mestra que sacara estudando polas noites ás agachadas do seu cónxuxe e unha praza nun colexio de Guadalajara. Pero o que de verdade ansiaba era escribir. Tras varias colaboracións en distintos xornais, e con diversos seudónimos, en 1903 Augusto Vázquez Figueroa decidiu confiar nela e Carmen pasou á nómina do Diario Universal, converténdose na primeira xornalista española recoñecida como tal. Foi o propio Vázquez Figueroa quen lle suxeriu o seudónimo polo que sería máis coñecida, Colombine. Comezou cunha columna de temas femininos, «Lecturas para la mujer», pasando de tratar temas domésticos, de hixiene e decoración a facer unha sondaxe de opinión sobre o divorcio. Un ano despois saía do prelo o seu libro El divorcio en España, destinado a crear conciencia sobre a necesidade dunha lei ao respecto. En 1906 El Heraldo de Madrid enviouna a Melilla para cubrir a guerra de Marrocos, sendo de novo pioneira, a primeira corresponsal de guerra española.
En 1907 foi trasladada á Normal de Toledo, pero seguía volvendo a súa casa de Madrid nas fins de semana para animar no seu salón A tertulia modernista, unha xuntanza semanal de escritores, xornalistas, músicos, artistas plásticos e artistas estranxeiros de paso que se mantivo varios anos e estivo na orixe da Revista Crítica. Alí coñeceu a Ramón Gómez de la Serna, daquela un descoñecido estudante, co que mantivo unha relación amorosa e literaria durante vinte anos.

En 1908 fundou a Alianza Hispano-israelí en defensa da comunidade sefardí internacional. Obtivo en 1909 praza na Escola Normal Central de Mestras de Madrid e en 1911 na Escola de Artes e Oficios de Madrid, traballo que compatibilizou con clases a persoas cegas e xordomudas.
Desde as súas columnas e reportaxes abordou temas de especial interese social, como o sufraxio feminino, a defensa das mulleres traballadoras e da infancia e a loita contra a pena de morte. Implicada na causa republicana, traballou en 1920 na creación da Cruzada das Mulleres Españolas. Presidiu a Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispanoamericanas. Foi activa participante de diversas asociacións como a da Prensa ou o Ateneo.
Coa chegada da segunda República acadaríase en España o sufraxio feminino e a primeira lei de Divorcio, podendo ver Colombine ao final da súa vida o triunfo dalgunhas das súas loitas.
Morreu na súa casa de Madrid na madrugada do 9 de outubro de 1932, dun ataque ao corazón. A tarde anterior participara nunha mesa redonda sobre educación sexual no Círculo Radical Socialista.
Carmen de Burgos realizou ao longo de case catro décadas un inxente labor de polígrafa, con milleiros de artigos publicados en revistas e xornais españois e estranxeiros, estudos literarios, traducións, libros de entrevistas, semblanzas de escritores, prólogos, manuais de divulgación, ensaios, novelas curtas (máis dun cento), longas e ensaios. O seu nome formou parte da primeira lista de autores prohibidos en 1939.

 

Para saber máis:
http://www.rtve.es/alacarta/videos/mujeres-en-la-historia/ mujeres-historia-carmen-burgos-colombine/841220/ http://www.mujeresenlahistoria.com/2014/12/unaescritora- llamada-colombine-carmen.html http://www.yorokobu.es/carmen-de-burgos/ http://www.somosmalasana.com/la-construccion-delfeminismo- en-carmen-de-burgos-colombine/ http://www.bibliotecavirtualdeandalucia.es/opencms/ lecturas-pendientes/002-punal_claveles.html

 

Ver outras