Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Chavela Vargas
  


CHAVELA VARGAS

O 5 de agosto de 2012 morreu na súa casa de Cuernava, México, María Isabel Anita Carmen de Jesús Vargas Liza- no, de nome artístico Chavela Vargas, tiña 93 anos. Nacida en Costa Rica, abandonou ese país aos 17 anos, logo dunha infancia infeliz e enfermiza. Chegou a México e posteriormente obtería a nacionalidade mexicana. Chavela admiraba a denominada canción ranchera e en concreto a que trata de amores e desamores. Chavela cantaba, facíao soa, con apenas unha guitarra baixando o ritmo das melodías e imitando a ebriedade. Sempre foi a contracorrente, cando era moza vestía con roupas masculinas, fumaba tabaco, levaba pistola e bebía en exceso. Nunha entrevista para a TV colombiana, aos 80 anos, recoñeceu abertamente que era lesbiana. chavelaVargas Durante moitos anos cantou na rúa e nas cantinas, despois fíxose cantante profesional apadriñada por José Alfredo Jiménez, compositor e tamén cantante, pero, ante todo, compañeiro de troulas. Contan que cando Jiménez morreu Chavela acudiu o seu velorio e se derrubou cantando borracha. Ao intentar apartala, a viúva de Jiménez dixo: «Deixádea, está sufrindo tanto coma min». Nos anos cincuenta empezou a facerse máis coñecida por frecuentar círculos artísticos, trabando amizade con Diego Rivera e frida Kahlo, Pablo Neruda, Carlos fuentes, Carlos Monsiváis... A súa relación con México, país que adoraba, foi agridoce: non se lle recoñeceu como figura até os anos noventa, cando Pedro Almodóvar amosou a súa admiración pola cantante incluíndo cancións que ela cantaba no seu filme Tacones lejanos. Posteriormente vi- ría a súa amizade con Joaquín Sabina e Álvaro Urquijo. O seu éxito en España permitiulle cantar no mítico teatro Olympia de París. Alí acudiron Almódovar e a actriz francesa Jeanne Moreau, quen non sabía falar español pero lle dixo a Almódovar: «Non fai falla que me traduzas o que canta, porque a entendo perfectamente». E seguro que era certo, porque escoitar a Chavela era escoitar un corazón ebrio de amor e de dor. Os seus últimos anos viviu en Tepoztlán, estado de Morelos, ao pé do monte Tepozteco, con quen ela dicía falar todas as mañás. Hai quen di que reinventou a máis pura e antiga canción ranchera mexicana: masculina e sentida, porque os homes só falan de sentimentos cando están bébedos. O certo é que viviu con insolente liberdade as súas paixóns e desexos e mostrou novos camiños para os amores que no século pasado non se atrevían a dicir o seu nome. No palacio de Belas Artes, en México Df, os representantes institucionais despedírona cunha homenaxe nun teatro que ela amaba, pero onde soamente se lle permitiu actuar dúas veces na súa vida. Na praza Garibaldi despedírona con dous días de música e tequila.

Ver outras