Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Concha Castroviejo
  Concha Castroviejo

«A aínda moza Concha Castroviejo», que dicía Borobó, tiña 44 anos e correra bastantes aventuras antes de volver á súa cidade natal, Compostela, desde o afastado México, onde chegou exiliada en 1939, como tantos milleiros de republicanos tras a derrota na guerra civil.
Nacera en 1910 no seo dunha familia acomodada, culta e de forte relixiosidade. Teimou en realizar estudos de bacharelato e ir á universidade, pese á oposición do pai, catedrático da mesma.
Rebelouse, nisto e noutras cousas. Aliñouse cos republicanos e mesmo foi testemuñar a favor de Paco Comesaña —o Daniel da Barca de O lapis do carpinteiro— no xuízo sumarísimo que se seguiu contra el por comunista e alterador das masas, en decembro de 1936, en Compostela, e para o que pedían pena de morte; conseguiu saír de Santiago e Galicia a comezos de 1937. No inverno de 1939 chegou a Francia co grande éxodo que fuxía da derrota e das tropas franquistas.
Desde Bordeos, en xuño de 1939, embarcou para México, onde pasou dez anos até que decidiu volver coa súa filla de 8 anos, María Antonia Seijo. Arribaron ao peirao da Coruña en decembro de 1949.
A comezos de 1951 estaba traballando en La Noche, o xornal vespertino de Compostela dirixido por Goñi, xunto a Borobó, Olano… Asinaba tamén como Asela. Fixo os cursos que convocaba a Escola Oficial de Periodismo, dependente da Dirección General de Prensa, para obter o título que a acreditase para o exercicio da profesión, que desde setembro de 1953 exercería no diario Informaciones de Madrid e, posteriormente, en Hoja del Lunes e na axencia EFE.

Ver outras