Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Hedy Lamarr
  

Hedy Lamarr

«Calquera moza pode ser glamurosa. O único que tes que facer é ficar quieta e parecer estúpida».

Hedwig Eva Maria Kiesler naceu en Viena no 1913, e logo de abandonar os seus estudos de enxeñaría a cambio dun prometedor futuro como actriz, pasaría á historia como a primeira actriz en protagonizar un espido nunha película comercial: Éxtase.
Este filme será o que atraia o que será, logo dun matrimonio de conveniencia concertado cos pais dela, o seu marido, Friedrich Mandl, involucrado na industria armamentística e relacionado cos fascismo alemán e italiano. Este home, na súa obsesión, tentaría facerse con todas as copias da cinta do filme, limitaba en extremo os movementos da actriz e mantíñaa vixiada en todo momento, o que non impediría finalmente que ela planificase e levase a cabo con éxito a súa fuxida (coa axuda dunha asistenta coa que mantivo unha relación sentimental), primeiro a París, logo a Londres e finalmente aos Estados Unidos.
Foi xa en Hollywood onde renaceu como Hedy Lamarr, inaugurou un novo canon de beleza na época e interpretou os papeis que lle deron sona e o dereito a unha estrela co seu nome que hoxe figura no paseo da fama.
Protagonizou filmes como Fruto prohibido, Sansón e Dalila, Este mundo é un teatro ou A muller sen nome, e chegou a rexeitar papeis centrais en filmes míticos Casablanca ou Luz de gas.
Mais foi o seu rancor contra a Alemaña nazi ?xunto aos coñecementos en materia armamentística que, grazas aos contactos do seu antigo marido, acadara e aos estudos en enxeñaría que ela continuara pola súa conta? o que a levou primeiro a ofrecer ao Goberno dos EUA toda a información confidencial da que dispuña e a desenvolver en colaboración co seu novo compañeiro, o compositor de vangarda George Antheil, un proxecto de telecomunicacións aplicado á industria militar, que a faría figurar na memoria colectiva non só como actriz senón tamén como inventora.
Aínda que o seu invento foi patentado en 1942, os seus descubrimentos non serían recoñecidos publicamente até os últimos anos da súa vida.
O Goberno dos EUA, que lle propuxera utilizar a súa imaxe para cartaces propagandísticos ?algo que ela rexeitou? non tivo en conta nun primeiro momento o seu invento, se ben este sería finalmente estreado na crise dos misís en Cuba e posteriormente posto en práctica tamén no Vietnam. Esa mesma tecnoloxía sería posteriormente aplicada, xa nos anos oitenta, á telefonía móbil celular.
Actualmente é na honra dela que todos os 9 de novembro, aniversario do seu nacemento, se celebra internacionalmente o «Día das/os inventoras/es».

Ver outras