Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Isabel Zendal
   Documento sin título

Isabel Zendal

En 1773 naceu Isabel Zendal Gómez, a dama da vacina, así chamada por ter acompañado a América os orfos que portaron os anticorpos da vacina da varíola, unha enfermidade terriblemente contaxiosa e mortal.
Hoxe acéptase que Isabel Zendal naceu en Agrela (Santa María de Parada, Ordes), o 26 de febreiro, pero hai quen afirma que o fixo en Euskadi ou en Inglaterra. Era filla de Ignacia Gómez e de Jacobo Zendal, un matrimonio moi humilde. Entrou a traballar no hospicio da Coruña o 24 de marzo de 1800. Desde a súa chegada tentou mellorar as condicións do orfanato, poñendo camas novas e instalando
farois nas habitacións.

O proceso de vacinación comezou en Madrid, onde inxectaron o virus nunha parella de rapaces até que desenvolveron a enfermidade. A cadea continuou até Galiza, e desde aquí ás Canarias, onde pasaron un mes vacinando. A Real Expedición Filantrópica da Vacina partiu do porto da Coruña tres anos despois, o 30 de novembro de 1803, e prolongouse arredor dunha década. O proxecto, apoiado Isabel Zendal económica e moralmente por Carlos IV, a quen lle morrera unha filla, a infanta María Luísa, a causa da enfermidade, ten pasado á historia como a primeira vacina distribuída polo mundo de maneira gratuíta. A cargo dos nenos estaban, ademais de Isabel, a única muller a bordo, o doutor Francisco Balmis e Josep Salvany, o seu axudante. Na expedición participaron un total de 22 nenos varóns, de entre 3 e 9 anos. Só un dos pequenos tiña familia, Benito, fillo de Isabel, de quen se dixo que era adoptado, porque Zendal tentara ocultar a súa condición de nai solteira. Deixou que os rapaces participasen na perigosa aventura a condición
de que fosen ben tratados, mantidos e educados, demandando para eles unha familia no destino. Sabemos que só chegaron 21. Ningún deles regresou a Galiza. Algúns foron adoptados por familias mexicanas, pero outros acabaron en hospicios, en malas condicións.

Xa en América, a expedición dividiuse. Francisco Balmis, o director, e parte dos nenos, encargáronse de estender a vacina polo norte do continente. Tras tres anos inmunizando unhas 250 000 persoas, Balmis viaxou a Lisboa, onde procurou novos apoios. Cando regresou a América, comprobou abatido como en moitas cidades non se seguira co proceso de vacinación. Tras dedicar a súa vida ao proxecto, o médico militar faleceu en Madrid, aos 66 anos. Salvany e Isabel Zendal, ocupáronse do sur do territorio. Salvany morreu de tuberculose pulmonar en Cochabamba, aos 33 anos.

Isabel non regresou e quedou en México co fillo. O goberno deste país concede anualmente o premio Cendala Gómez no seu honor. A mediados do xx, a oms recoñeceu a Isabel Zendal
como «a primeira enfermeira da historia en misión internacional».

Dende o Concello da Coruña recoñeceuse o traballo humanitario de Zendal, dándolle o nome de Isabel López Gandalia a unha rúa da cidade. Non hai moito tempo, os xornalistas A. López e J. Pedrido, axudados por María Solar, autora da novela
Os nenos da varíola, conseguiron cambiar o nome desta rúa polo nome real, Isabel Zendal. Ademais, cadrando co bicentenario da expedición, A Casa do Home da cidade dedicoulle un monumento que recolle tamén o nome dos 22 nenos.

Isabel Zendal Gómez foi nomeada filla predilecta do Concello de Ordes e en 2017 o Sindicato de Enfermería de Galiza renomeou os premios que entrega no Encontro Científico Galego de Enfermería e Fisioterapia como Premios Isabel Zendal.

Ver outras