Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Jimena e Elisa Fernández de la Vega
  As irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega foron as primeiras mulleres licenciadas na Galiza. Ambas as dúas naceron a finais do século XIX en Vegadeo, fillas do médico Wenceslao Fernández de la Vega e Dolores Lombán. Esta última foi a que as animou a matricularse na universidade para estudar a carreira de Medicina, unha vez que xa se promulgara o Real Decreto que permitía o aceso das mulleres a todos os graos do ensino.
Á súa chegada á universidade compostelana, as dúas irmás foron increpadas e discriminadas tanto polo alumnado como polo profesorado e demais membros da comunidade universitaria. A tal punto chegou o enfrontamento con elas que finalmente decidiron continuar os estudos por libre. Incorporáronse de novo ás aulas, unha vez que recibiron as desculpas públicas dun dos profesores que as insultara.
Tanto Elisa como Jimena tiveron un expediente académico brillante. Ambas as dúas optaron ao Premio Extraordinario de Fin de Carreira, e foi Jimena a que o acadou finalmente. Estudaron alemán e se doutoraron en Madrid.
Jimena marchou a Berlín, mentres que a súa irmá Elisa decidiu ficar no Estado español e casar. Viviría co seu marido en Sevilla e posteriormente en Zaragoza. Ela daba aulas na universidade e atendía consulta na casa, coidaba dos seus tres fillos, pronunciaba conferencias antibélicas e publicaba artigos científicos en distintas revistas especializadas. Antes de morrer, vítima dunha pneumonía aos 37 anos en 1933, fundou un albergue para indixentes. O seu marido, republicano el, exiliouse en Arxentina ao estourar a guerra civil.
Jimena, despois de estudar en Berlín, Xénova e Viena, comezou a traballar na cátedra de Gregorio Marañón. Escribiu un libro prologado por este último. Durante a guerra civil exerceu como médica en Compostela.
Rematada a guerra civil, Jimena foi para Madrid a dar aulas na facultade e a traballar no hospital de San Carlos. Finalmente, a finais dos anos corenta, sacou as oposicións a médica de balneario. Instalouse definitivamente no balneario de Guitiriz para coidar á súa nai ate a súa morte. Morta a nai, Jimena mudouse a Lanjarón (Granada), onde dirixiu o balneario ate a súa xubilación. En 1984, á idade de 90 anos, morreu en Santiago de Compostela.

Ver outras