Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Leonora Carrington
  Leonora Carrington


Leonora Carrington naceu en Lancashire (Inglaterra) o 6 de abril de 1917. Filla dunha irlandesa e dun aristócrata inglés, foi unha nena fantasiosa e excéntrica que conectaba cos animais e a natureza. A pequena identificábase cunha egua salvaxe e configuraba o seu mundo coas historias que lle contaban a súa avoa e a súa aia irlandesas nas que os sidhes celtas tiñan un destacado papel. Estaba destinada a medrar como rica herdeira dun magnate da industria téxtil e facer un bo matrimonio, pero o seu espírito rebelde e desafiante levouna a enfrontarse ao pai e a nai, a institutrices, monxas, convencións sociais e ataduras relixiosas, conseguindo entrar na academia de arte Ozenfant de Londres en 1936.
O ano seguinte coñeceu ao pintor alemán Max Ernst, quen contaba daquela con 47 anos e bastante sona como pintor surrealista. Coincidiron pouco despois nunha viaxe de Leonora a París e estableceron unha relación sentimental. Deste xeito, entrou en contacto co círculo surrealista. En 1938 escribiu un conto titulado La maison de la peur e participou con Ernst na Exposición Internacional de Surrealismo en París e Amsterdam. Ese mesmo ano trasladáronse a vivir (malia que el estaba casado) ao sur de Francia, a unha aldea chamada Saint-Martin-d'Ardèche, onde restauraron unha casa, moldeándoa de xeito fantástico coas súas propias mans. Cultivaban un viñedo e unha horta, pintaban, esculpían..., Leonora seguía a escribrir, La dame ovale (1939).
Ambos formaban parte, xunto con outros surrealistas, do movemento de intelectuais antifascistas Künstler Bund. En 1939 Max Ernst foi detido, declarado inimigo do réxime de Vichy e recluído no campo de traballo Les Milles. Leonora sufriu entón un desequilibrio psíquico. Ante a ocupación nazi de Francia viuse obrigada a fuxir. O seu pai proporcionou os cartos, os documentos e o acompañante que posibilitaron a súa chegada a unha España destruída pola guerra. Nas rúas, nos cafés, nos hoteis de Madrid Leonora clamaba contra alianza fascista de Franco-Hitler-Mussolini, manifestando un comportamento estrambótico. Por indicación do seu pai, foi trasladada a un sanatorio mental en Santander, traumática experiencia que procurou exorcizar no libro autobiográfico En bas (1944).
Conseguiu saír do manicomio cunha vixiante rumbo a Madrid, onde atopou ao escritor e diplomático mexicano Renato Leduc, a quen coñecía do círculo surrealista, citándose con el en Lisboa. O pai dispuxera levala a Estoril e de alí a outro sanatorio en Sudáfrica, pero, unha vez en Portugal, Leonora rompeu o cerco paterno e reuniuse con Renato na embaixada de México. En Lisboa coincidiu con Max Ernst, quen xa establecera relación sentimental coa coleccionista e mecenas Peggy Guggenheim. Leonora casou con Renato en 1941 para poder saír cara a América. Viviron en Nova York, onde el tiña o seu seguinte destino; nesta cidade Leonora frecuentou o círculo de artistas exiliados que rodeaban a Peggy Guggenheim.
En 1942 marcharon a México e divorciáronse o ano seguinte. Leonora estableceu nese país a súa residencia frecuentando aos artistas e intelectuais europeos no exilio: Benjamin Péret, Alice Rahon, Wolfgang Paalen, Esteban Francés, Kati e José Horna... e Remedios Varo, con quen mantivo unha fonda e fecunda amizade ata a morte da pintora española. En 1946 casou co fotógrafo xudeu húngaro Emrico, Chiki, Weisz (axudante de Robert Capa), con quen tivo dous fillos, Gabriel e Pablo.
Refuxiada no seu círculo íntimo e pouco amiga de entrevistas, Leonora Carrington realizou unha extensa obra, publicou unha decena de libros, realizou óleos, táboas, murais, ilustracións e grandes esculturas de bronce nos últimos anos.
Recibiu, entre outras distincións, a Orden do Imperio Británico da raíña Isabel II e o Premio Nacional de Belas Artes outorgado polo goberno mexicano en 2005.
Morreu na Cidade de México o 25 de maio de 2011, aos 94 anos, sendo enterrada no panteón inglés.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Para saber máis:
CARRINGTON, Leonora: Memorias de abajo, Madrid, Siruela, 1991.
PONIATOWSKA, Elena: Leonora, Barcelona, Seix Barral, 2011.

 

Ver outras