Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
María Soliña
   M Soliña, X Quesada Colec Caixa NovaMARÍA SOLIÑA (Cangas de Morrazo S.XVI-XVII).- Inmortalizada en numerosas cantigas. Era posuidora de “dereitos de presentación” en capelas e feligresías de Aldán e Moaña, e por tanto capaz para propoñer novo titular da igrexa e participar nos seus beneficios; por iso foi denunciada ó Tribunal do Santo Oficio, acusada de bruxería, coa finalidade de conquerir a confiscación dos seus bens e a súa posterior apropiación polos denunciantes, nobres da comarca que se empobreceran a consecuencia da invasión de corsarios turcos que asolou o Morrazo no ano 1617, e utilizaron masiva e indiscriminadamente estas denuncias para recuperar o seu nivel social e económico. María Soliña entrou nos cárceres segredos da Inquisición en 1621; o proceso foi dirixido a demostrar que tiña poderes demoníacos capaces de provocar incontables males e que entregara a súa alma ó diaño. Sometida a un terrible suplicio físico e psicolóxico, asegurou que era bruxa desde había vinte anos e que fixera actos nefandos co demo que se lle aparecía con corpo de home; pero mentres declaraba iso lle suplicaba clemencia ó Tribunal e proclamaba o seu arrepentimento manifestando que nunca renegara do Corazón de Noso Señor máis ca de palabra. O 23 de xaneiro de 1622 chegou por fin a sentencia; foi condenada coa confiscación dos seus bens e obrigada a levar hábito penitencial durante medio ano. Cando isto ocorreu tiña xa 70 anos. Malia estes sucesos é recordada como unha pobre e desgraciada muller reflexo dos sofrimentos do pobo, e así se transmite no cantar: “Ai que soíña quedaches, María, María Soliña”.

Ver outras