Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Marķa Victoria Moreno
   Documento sin título

María Victoria Moreno As Letras Galegas de 2018 estarán dedicadas a María Victoria Moreno Márquez. En cincuenta e cinco anos esta será a cuarta vez que o evento leve nome de muller. As precedentes: Rosalía de Castro, inaugurando a listaxe
en 1963, Herrera Garrido en 1987 e María Mariño, xusto vinte anos despois.
Como autora de literatura infantil e xuvenil asinou un dos títulos máis vendidos das nosas letras, Anagnórise (1988), relato dunha viaxe en coche que xunta por acci-
dente a un adolescente e unha muller madura que teñen
en común moito máis do que nun principio sospeitan. A autora prefería
Leonardo e os fontaneiros (1986), quizais porque con el gañou o prestixioso premio Barco de Vapor ou talvez porque se trataba dun texto dirixido a nenas e nenos algo máis pequenos, que reflicte con mestría e realismo as vivencias dun cativo de 13 anos, un mozo esperto, traste e sensible, que se encariña dun can vagabundo que morrerá nos seus brazos

Outros títulos relevantes neste eido foron a súa primeira publicación, Mar adiante (Historia de nenos pra nenos) (1973), O cataventos (1989), Guedellas de seda e liño (1999) ou Eu conto, ti cantas (2005), que chegou ás librarías apenas unha semana antes do pasamento da escritora.

Ante todo, M.ª Victoria Moreno foi unha mestra, unha gran mestra, segundo o parecer de moitas das súas alumnas e alumnos, a académica Rosario Álvarez ou a escritora Fina Casalderrey, entre elas. Comezou cedo no mundo da docencia, cando apenas tiña 23 anos. En 1965, aprobou a oposición e logrou unha praza no Instituto Masculino de Lugo, en cuxo departamento de Lingua e Literatura Castelá cadraría co profesor Alonso Montero, letraferido comprometido, quen, con toda probabilidade, influíu de maneira decisiva na militancia lingüística da nova docente. A partir de entón, M.ª Victoria, que nacera en Valencia de Alcántara, na provincia de Cáceres,
e estudara en Madrid e Barcelona, faría do galego a súa lingua, tanto na escrita como na fala.

En Lugo coñeceu tamén a Xesús Rábade Paredes a quen impartiu aulas e a quen animou a escribir. Ambos participaron do activo mundo cultural que se xeraba na cidade naquela altura e, pouco despois, a profesora prologou o primeiro poemario do poeta, Xuntos cara ó mañán (Ediciós Celta, Lugo, 1969). Andando o tempo, ambos elaboraron Literatura século XX
Iniciación universitaria (1985), volume didáctico esencial para achegarse ao período.

Outra mostra do seu inquebrantable compromiso lingüístico pode ser o feito de que en 1969 presentase Alcores de Donavar
ao prestixioso premio do Café Gijón, onde quedou entre os catro finalistas. O texto, en castelán, permaneceu inédito até o 2009, cando Xavier Senín o deu ao prelo, traducido como Onde o aire non era brisa.

Recoller e ondear a bandeira da lingua naqueles primeiros anos tróuxolle ben de problemas, mesmo a retirada do pasaporte. Entre 1971 e 1974 impartiu clases non autorizadas de lingua na Asociación de Amigos da Cultura de Pontevedra e entre 1973 e 1975 fixo o propio, sempre de forma desinteresada, tanto en Vilagarcía de Arousa como no Ateneo de Ourense. Moito tempo despois, en 2003, no pregón en verso que leu na Feira do Libro de Pontevedra, afirmou valente: «Con Cervantes, Federico / e Miguel o de Orihuela / falareivos da liberdade /e, contra vento e marea, / enfronteime coa censura /para dicirvos que era / un dereito inalienable / falar na lingua galega.»

Instalada definitivamente en Pontevedra, a escritora impartiu aulas no ies Valle-Inclán e no Torrente Ballester, onde se xubilou e onde, na actualidade, se custodian os algo máis de 5000 libros que legou á biblioteca do centro.

Morreu dun cancro de mama, experiencia terrible que relatou nun volume excepcional titulado Diario da luz e a sombra (2004). Preparado durante un período longo de tempo, recolle en 15 capítulos, as vivencias ao redor da enfermidade e o tratamento de quimioterapia. Imprimiuse combinando letra normal e itálica e foi dado ao prelo no «punto que os oncólogos chaman estado de remisión». Apenas un ano despois, a escritora falecería.

Trátase dun texto valente, redactado por unha persoa con ganas de vivir e con moita capacidade para gozar dos pequenos presentes que lle vai proporcionando o día a día. Moreno escribe sen recrearse no dramatismo, escribe para compartir, para describir estados de ánimo, medos e esperanzas. Móstrasenos como unha muller intelixente e teimuda, terriblemente modesta que acepta o cancro —a «pupa cabrona», nas súas palabras—, para que quen veña detrás dela poda servirse da súa experiencia.

Ver outras