Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
María Mariño Carou
  María Mariño Carou

Por terceira vez en corenta e catro anos a figura homenaxeada no día das Letras Galegas será unha muller.
O 2007 será o ano da poeta noiesa María Mariño Carou. Nada en 1907 en humilde berce, esta autora serodia inicia a súa andaina literaria con corenta anos cumpridos. De formación totalmente autodidacta, María Mariño viviu durante máis de vinte anos nas afastadas serras do Courel onde se trasladara a vivir co seu home, mestre de escola. Nos tesos cumes descubriu unha paisaxe redentora que fará que comece a superar unha vida itinerante, a súa orfandade e a morte prematura do seu fillo. Alí coñecerá tamén a man cómplice de Uxío Novoneyra, quen incansabelmente a animará a compoñer e retocar os seus versos.
En 1963 aparece na editorial Celta de Lugo Palabra no tempo, único poemario publicado en vida pola escritora. Trátase dun conxunto de setenta composicións nas que a paisaxe e unha particular percepción do paso do tempo deixan traslocir unha fervenza de vivencias persoais intensas e complexas. Practicamente ignorada pola crítica literaria do momento, a obra permaneceu durante anos no máis absoluto dos silencios literarios.
María Mariño faleceu cando estaba a piques de cumprir os 60 anos, na humilde casa escola de Parada de Moreda. O seu corpo descansa hoxe no cercano cemiterio de Seoane do Courel. Meses antes do seu pasamento rematara Verba que comenza, o seu segundo libro, que finalmente sería publicado polo Concello de Noia en 1990. Reune este volume un total de vinte e sete textos, escritos no último ano de vida da autora. A enfermidade e a inminencia da morte apodéranse dos anovadores versos nos que descobrimos como unha linguaxe deformada e rompedora se pon ao servizo dun sentir lírico indubidabelmente persoal.

Ver outras