Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Mercedes Sosa
  Haydé Mercedes Sosa (San Miguel de Tucumán, 9 de xullo de 1935 – Bos Aires, 4 de outubro de 2009) foi unha das voces máis dignas, impoñentes e fermosas de Latinoamérica.
Coñecida como a Negra, definíase a si mesma como «cantora» antes que «cantante», distinción fundamental dentro da corrente da Nova Canción Latinoamericana: «cantante
é o que pode e cantor o que debe» (Facundo Cabral).
O Movemento da Nova Canción Latinoamericana, do que Mercedes Sosa foi fundadora e unha das súas máximas expoñentes, naceu como un movemento literariomusical,
dentro do ámbito da música popular arxentina, cuxas máximas eran o desenvolvemento estético e cultural do pobo, tentando asimilar todas as formas modernas de expresión que ponderasen e ampliasen a música popular e o seu propósito era defender a plena liberdade de expresión e de creación dos artistas arxentinos.
Mercedes estivo vencellada á esquerda política ao longo da súa vida. Tras o golpe de estado do 24 de marzo de 1976, permaneceu no país, malia a represión e o feito de que os seus discos fosen prohibidos. Ata que en 1978, nun concerto en La Plata, foi cacheada e detida no propio escenario e o público asistente arrestado. Exiliouse en 1979
en París e despois en Madrid.
Volveu á Arxentina en 1982, pouco despois de que a ditadura militar se vise obrigada a iniciar o traspaso do poder a un goberno civil, tras a Guerra de Malvinas. Nesa ocasión realizou unha serie de concertos históricos, que se converteron nun acto cultural contra a ditadura, á vez que un feito renovador da música popular arxentina, ao incluír temas e músicos que proviñan de diferentes correntes musicais, como o folclore, o tango e o rock nacional. A actuación foi rexistrada nun dobre álbum que constituíu un éxito de vendas e un dos discos máis senlleiros da historia musical do país.
Déixanos un inmensísimo legado musical, tendo colaborado con innumerables artistas de todo tipo de estilos.
Recibiu numerosos recoñecementos tanto a nivel nacional (no ano 2005 recibiu o premio Sarmiento 2005 polo Senado arxentino en recoñecemento á súa traxectoria
artística, o seu compromiso social e a súa constante loita en materia de dereitos humanos) como internacional (no ano 1995 recibiu o Gran Premio CAMU-UNESCO, o Premio da UNIFEM, organismo das Nacións Unidas que a distinguiu polo seu labor en defensa dos dereitos da muller, o Konex de Platino 1995 á Mellor Cantante Feminina de Folclore e Konex de Brillante á Mellor Artista Popular da Década...).
A súa impoñente voz e a súa incansable loita pola defensa dos dereitos humanos e da dignidade dos pobos sempre vivirá en nós.


Para saber máis : http://www.mercedessosa.com.ar/

Ver outras