Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Monique Wittig
   Documento sin título Monique Wittig (Alsacia, Francia, 1936 – Tucson, Arizona, USA, 2003): autora lesbiana.
Quen se definía a través do seu quefacer como «autora lesbiana», morreu en xaneiro deste ano 2003 en Tucson, onde levaba moitos anos de docencia universitaria. Wittig, feminista dende os seus inicios de activismo e escritura, creou en 1972 o primeiro grupo lésbico en París, «Les gouines rouges» (As bolleras roxas).
O propósito fundamental do seu traballo foi destruír as categorías de sexo nun sentido político, filosófico e lingüístico (a marca de xénero).
En 1964 publicou a súa primeira obra, Opoponax, unha indagación literaria sobre o suxeito falante, o suxeito do discurso, que pretende restaurar un eu non dividido, «universalizar o punto de vista dun grupo condenado a ser particular, relegado na linguaxe a unha categoría metaándrica». Escolleu a infancia como un elemento de forma aberta á historia, a formación do ego en torno a linguaxe, a aprendizaxe das palabras no uso da fala, que supón a aprendizaxe de todo o que é importante para a conciencia. «Era preciso un esforzo masivo para romper o feitizo do suxeito capturado». Aquela categoría lingüística, gramatical, contra a que non ten poder a división de sexos é o pronome indefinido (on en francés, que carece de xénero e número). Conseguiu romper ese feitizo do suxeito capturado, do personaxe de Catherine Legrand e tódolos demais a través dese on universalizador.
Partindo desta experiencia publicará Les Guérillères en 1969, outro pronome persoal, neste caso elles (elas), un plural colectivo universaliza o punto de vista. «O propósito desta abordaxe non é feminizar ó mundo, senón facer obsoletas as categorías de sexo na linguaxe. Polo tanto, establezo elles no texto como suxeito absoluto do mundo», indicaba.
Le corps lesbien (O corpo lesbiano) foi editado en 1973. Nesta obra de título provocador j/e (e/u) pronome persoal de primeira persoa, co xogo tipográfico desa barra diagonal convértese nun eu non destruído. Un eu que «se volveu tan poderoso que pode atacar o orde de heterosexualidade en textos e asaltar ó así chamado amor, ós heroes do amor, e lesbianizalos, lesbianizar os símbolos, lesbianizar a deuses e deusas, lesbianizar a homes e mulleres». Libro que revolucionara a escritura sobre o desexo, coa expresión desgarrada dunha subxectividade en descomposición, Wittig procura nel redesignar o universo feminino como un espacio feminino nun novo tempo feminino.
Concibía o xénero na linguaxe como «marca única na súa especie, o único símbolo léxico que fai referencia a un grupo oprimido. Ningún outro ten deixado a súa pegada na linguaxe a grao tal que erradicalo non só modificaría a linguaxe a nivel léxico, senón que modificaría a propia estructura e o seu funcionamento; cambiaría as relacións das palabras a nivel metafórico e transformaría a nosa realidade política e filosófica».
En 1975 sae Brouillon pour un dictionnaire des amantes (Borrador para un diccionario das amantes), que fixo en colaboración coa súa compañeira, Sande Zeig, coa que tamén coloborou en obras cinematográficas e teatrais.
En 1976 publicou Paris-La politique. Posteriormente instalouse nos EE. UU. onde daría a coñecer outros textos teóricos como La pensée straight.
Transgresora e, polo tanto, xeradora de polémicas, o seu pensamento está considerado por algunhas autoras como un dos piares fundamentais da teoría queer. Wittig cualificaba a heterosexualidade non xa como práctica sexual, senón como un réxime político, substituíndo a dualidade dialéctica da opresión home/muller pola de heterosexualidade/homosexualidade, «a muller» non é unha identidade natural senón unha categoría política que xorde nun discurso heterocentrado. Neste contexto hai que situar a súa famosa expresión «as lesbianas non son mulleres». «Porque ‘muller’ non existe para nosoutras: é só unha formación imaxinaria, mentres ‘mulleres’ é producto dunha relación social. [...] Máis aínda temos que destruír o mito dentro e fóra de nosoutras. ‘Muller’ non é cada unha de nosoutras, senón a formación política e ideolóxica que nega ‘mulleres’ (o producto dunha relación de exploración). ‘Muller’ só existe para confundir-nos, para ocultar a realidade de ‘mulleres’.
Con esa expresión como título publicouse o pasado ano 2002 en París Parce que les lesbiennes ne sont pas femmes, recompilación das actas do congreso sobre Monique Wittig.
Unha morte pouco noticiable, a xulgar polos poucos artigos editados na prensa, segundo sinalan algunhas xornalistas. A súa obra permanece, a subversión segue a ser necesaria.

Ver outras