Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Nadine Gordimer
   Documento sin título

NADINE GORDIMER

(Springs, Gauteng, 20 de novembro de
1923 – Johannesburgo, 13 de xullo de 2014)


Filla de emigrantes xudeus de clase media, a escritora e
activista antiapartheid sudafricana Nadine Gordimer naceu
nunha poboación mineira próxima a Johannesburgo. O pai,
reloxeiro, procedía de Lituania e a nai, do Reino Unido.
A súa vocación literaria foi temperá, empezou a escribir
aos 9 anos e publicou aos 15 o seu primeiro relato curto
nunha revista literaria. Non destacou como estudante nin
chegou a rematar os seus estudos universitarios.
Con 25 anos trasladouse a Johannesburgo, onde fixou
definitivamente a súa residencia. Un ano despois, en 1949,
publicou o seu primeiro libro, un conxunto de relatos titulado
Face to Face (Cara a cara), e contraeu matrimonio.
Publicou a primeira novela, The Lying Days (Os días mentireiros),
en Londres en 1954. Nese mesmo ano contraeu
segundas nupcias.

Na súa carreira literaria de máis de sesenta anos, publicou
(á parte de crítica literaria e artigos xornalísticos) máis
de trinta libros, que foron traducidos a moitas linguas, especialmente
desde que en 1991 recibiu o Premio Nobel de
Literatura, «pola súa escritura épica de enorme beneficio
para a humanidade». Cun estilo sobrio que fuxía de toda
sorte de sentimentalismo, construíu unha obra alicerzada
na responsabilidade e no compromiso, sen restarlle por iso
calidade nin orixinalidade.
Foi unha destacada integrante do Congreso Nacional
Africano e defensora da causa de liberación de Nelson Mandela,
con quen chegou a manter unha estreita amizade. Varias
das súas obras foron prohibidas polo goberno anterior
a Mandela. Recentemente criticara ao actual presidente sudafricano,
Jacob Zuma, opóndose a un proxecto de lei que
limita a publicación de información considerada sensible
polo Goberno.
Nos seus últimos anos traballou na loita contra a sida,
recadando fondos para a entidade Treatment Action Campaign,
un grupo que axuda as persoas enfermas a obter medicinas
gratuítas para salvar as súas vidas

 

Para saber máis:
http://www.epdlp.com/escritor.php?id=1776

Ver outras