Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Nancy Spero
  Nancy Spero

Morre en Nova York en outubro de 2009 esta interesante artista nacida en Cleveland, EE. UU., en agosto de 1926. Desde nova padece unha enfermidade dexenerativa que lle fai coñecer a dor.
É recoñecida internacionalmente pola súa obra e pola súa implicación política e artística na loita pola paz e contra a guerra, pola igualdade, liberdade e recoñecemento das mulleres; unha artista feminista, radical e contestataria. A súa obra está nas coleccións de arte máis relevantes a nivel mundial e aínda que é unha creadora fundamental dos últimos cincuenta anos resulta practicamente descoñecida para o gran público.
A súa formación cabalga entre o Instituto de Arte de Chicago, a escola de Belas Artes de París e Florencia.
Vive en Francia até mediados da década dos cincuenta. Nesa altura as súas expresións artísticas roldan o amor, a maternidade e a noite.
En 1964 regresa a EE. UU. Impáctana as imaxes da guerra de Vietnam que difunde a televisión. Influída polo pop art e o minimalismo que imperan en NY fai o seu War Series, un alegato contra a guerra e as súas consecuencias, compromiso político que permanecerá sempre.
Tamén deixa o lenzo e traballa en papel: explosións nucleares, cruces gamadas, bombas fálicas e helicópteros poboan as súas expresións.
Nos comezos dos setenta a artista ten unha linguaxe madura e ben propia: muros con collages, siluetas e textos reivindicativos e até obscenos, lonxe dos discursos oficiais. Denuncia os malos tratos e as violacións padecidas polas mulleres, en obras como Torture of Women (1976) nas que combina imaxes que estremecen con textos alusivos ás atrocidades cometidas nos réximes ditatoriais suramericanos de tortura as prisioneiras políticas.
Activamente comprometida coas actividades artísticas e políticas da Coalición de Traballadores da Arte, en 1969 únese a Mulleres Artistas na Revolución (WAR) e mesmo funda unha cooperativa que abriu no Soho de Nova York, a primeira galería de arte dedicada exclusivamente ás mulleres Artiststs in Residence, AIR. En todo este traballo hai unha crítica expresa á invisibilidade do traballo das mulleres no mundo da arte cunhas posicións claramente políticas.
Nos anos oitenta concéntrase no corpo da muller, único obxectivo do seu traballo, con reflexións conceptuais nas que están presentes o sexo e a política. Grandes murais, instalacións e deseños que ocupan cuartos enteiros, usando tampóns en troca dos métodos habituais de pintura. Ao tempo experimenta, tentando eliminar as diferenzas obra/espazo na que esta se exhibe. Figuras espidas que se moven corren diante da persoa espectadora. Isto leva a experimentar coa interactividade e longos rolos de papel pregados que convidan a facer camiños sinuosos pola sala de exposicións.
En 1997 participa en Documenta X, en Kassel.

Ver outras