Documento sin título
Rita Amparo López Jeán
Filla
dunha culta mestra oriúnda de Iruña e criada en Cuba, Rita Amparo
López Jeán naceu en Vilaboa, no concello de Culleredo, no ano
1885. Desta pequena localidade fora durante algún tempo concelleiro seu
pai, o avogado, Sabino María López Núñez. Ao quedar
viúva, nai e filla trasladaranse á cidade da Coruña, onde
Amparo cursou estudos de Maxisterio, que co tempo lle permitiron traballar na
escola que dirixía súa nai, Adela Jeán Toca.
Muller inquieta e de avanzadas ideas, na cidade herculina estudou ademais piano
co prestixioso músico José Baldomir e pintura co gravador Máximo
Ramos. Fondamente interesada en ambas artes, Amparo participou en concertos
benéficos e nas veladas literarias que con asiduidade se organizaban
na súa casa de Catro Camiños.
Andando o tempo, Amparo López Jeán habíase converter nunha
activa e comprometida militante do Partido Galeguista, no que ingresou o 5 de
maio de 1935 sendo a primeira muller coruñesa en facelo. Nesta organización
chegou a formar parte da executiva local como vogal. Durante anos traballou
activamente na Agrupación Republicana Feminina da Coruña, entidade
fundada no ano 1933 que Amparo chegaría a presidir. Nestes anos colaborou
activamente en excursións, homenaxes, discursos, actos e cursos de música
que impartía de balde.
En xuño de 1936 trasladaríase co seu compañeiro, o xornalista
e político César Alvajar, a Soria, cidade á que el chegaría
en calidade de gobernador civil. A parella, que durante anos vivira xunta sen
casar, coñecería nesta cidade o levantamento da Fronte Popular
e as inmediatas e desastrosas consecuencias.
Durante a guerra civil española a familia viviu en Madrid, Valencia e
Barcelona. Nesta cidade Amparo formou parte do Comité Executivo do Partido
Galeguista, foi ademais a Secretaria Xeral do Grupo Feminino Galeguista. Dirixiu
un obradoiro destinado a facer roupa para os combatentes galegos.
Separada dos seus fillos, logrou pasar a Francia, onde parte da familia chegaría
a reagruparse. Moi desmellorada, faleceu o 12 de novembro de 1942, aos 57 anos,
na cidade francesa de Montauban.
|