Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Rosa Lee Parks
   Documento sin título

Rosa Lee Parks

Claudette Colvin foi a primeira muller afroamericana, que con só 15 anos, se negou a ceder o seu asento nun autobús de Montgomery a un branco e foi detida. Mais Claudette estaba embarazada, era pobre e a súa pel era máis preta que a da muller que pasaría á historia polo mesmo, Rosa Lee Parks.
Rosa Lee Parks —nada en Tuskegee (Alabama) o 4 de febreiro de 1913— estudou nun colexio alternativo, seguiu un curso de activismo en Tenessee e, ademais, traballou para unha branca da Costa leste involucrada na loita contra o racismo, antes de tomar a decisión que cambiaría a historia recente dos Estados Unidos. Dez anos despois de ser electa secretaria en Montgomery da Coaligación para o Avance da Xente de Cor, unha tarde de decembro de 1955, Rosa negouse a deixar a súa praza nun autobús urbano a un branco. O condutor ameazou con denunciala e Parks, costureira, respondeu: «Podería facelo». A partir da súa detención desatouse un movemento de resistencia civil da comunidade afroamericana, o seu caso chegou ao Supremo, gañouno e Rosa Parks converteuse nun símbolo.
O resto é a historia que cambiaría a realidade do sur: recrudecéronse os atentados contra os líderes do movemento afroamericano; nos anos sesenta aprobouse a acta de dereitos civís da Administración Kennedy; a loita no seo do Partido Demócrata polo recoñecemento dos delegados negros do sul na convención que remataría elixindo a Johnson...
O nome de Rosa Parks, xunto ao de Fannie Lou Hamer, Ella Baker, Malone Jones, Francis Carter-Hilliard, Angela Davis e tantas outras mulleres afroamericanas feministas, forma parte da historia da dignidade e da valentía dun movemento que puxo contra as cordas a unha das principais potencias do planeta.
Rosa Parks faleceu o 24 de outubro de 2005.
.

Ver outras