Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Simone Weil
  

Simone Weil nace no ano 1909 en Paris no seo dunha família xudea non ortodoxa. Estuda Filosofia na «Ecole Normale» onde posteriormente traballará como profesora.
No ano 1934, interesada polos problemas políticos e sociais, pide unha licéncia e vai-se traballar á fábrica Renault. Esta experiéncia vai-lle servir de base para o seu libro Diário dunha fábrica no que analiza a condición da clase obreira baseando-se no humanismo marxista.
No ano 1936 participa na guerra civil española. Na súa obra Diário de España narra a realidade da guerra e as contradiccións que lle provoca levar un fusil que non pensa usar mais que lle dá a posibilidade de matar.
No ano 1937 ten a sua primeira experiéncia mística á que seguirán outras que a levarán a partir do ano 1940 a interesar-se polo tema relixioso e a escribir intensamente moitos artigos que se publicarán como Cuadernos.
A família Weil ten que fuxir de Paris cando as tropas alemanas entran en Fráncia (1940). Vai residir en Marsella onde, a pesar do carácter eventual que ten a sua residéncia nesta cidade, Weil segue axudando a refuxiados. Ela vai traballar como obreira agrícola na vendima e, igual que no seu ano na fábrica, entrega-se ao traballo e co seu sufrimento físico, coa sua fatiga, experimenta os seus próprios límites e unha certa forma de purificación.
Hai que destacar como obra fundamental El Desarraigo onde se formula cales son as necesidades da alma e as obrigas cara aos demais que delas se desprenden.
Viaxa coa sua família a Norteamérica, onde reside o seu irmán André, pero sempre coa idea de poder retornar a Europa e achegar-se a aqueles que sofren máis directamente as consecuéncias da guerra.
No ano 1942 poderá voltar a Europa instalando-se nun cuartel de voluntários franceses en Londres. Traballa intensamente dia e noite e coma noutras ocasións descoida a satisfacción das necesidades máis elementais. Despois de meses de intenso traballo, Simone Weil foi ingresada nun hospital de Inglaterra a causa dun desmaio e da sua debilidade xeral. Debido a sua negativa a inxerir alimentos a sua recuperación fixo-se imposíbel e morreu en agosto de 1943.

Ver outras