Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Tina Modotti
  

Tina Modotti.
Assunta Adelaide Luigia Modotti (fotógrafa e militante comunista) naceu en Udine, Itália, o 17 de agosto de 1896. Á idade de dezasete anos ve-se obrigada a emigrar aos Estados Unidos de América coa sua família. Nese país traballará en Hollywood onde aparecerá nalguns filmes como actriz. En 1921 coñece a Edward Weston, excelente fotógrafo norteamericano, home do que se namorará e do que aprenderá o uso da cámara fotográfica.
Chega a México en 1922 e ali coñecerá a Diego Rivera e David Alfaro Siqueiros. En 1927 afilia-se ao Partido Comunista o que a levará a participar en distintas actividades: será unha activista da campaña «Maos fóra de Nicarágua», en apoio á luita de Augusto C. Sandino; e axudará a fundar o primeiro comité antifascista italiano. En 1928 coñece a un dirixente estudantil cubano, Julio Antonio Mella (que morrerá asasinado), nunha manifestación de protesta pola execución de Sacco e Vanzetti. A princípios de 1930, é expulsada de México acusada inxustamente de conspirar para asasinar ao presidente.
Instala-se na Alemaña a mediados de 1930. Viaxa á Unión Soviética onde se reencontra con Vittorio Vidali, a quen coñecera en México, o seu último compañeiro. Participa no Socorro Vermello Internacional. En 1934 parte cara ao Estado español. Depois do golpe de estado dirixido polos miltares en 1936, alista-se ao Quinto Reximento e traballa coas Brigadas Internacionais até o fin da guerra.
En 1939 regresou como asilada a México onde continuou coa sua actividade política a través da Alianza Antifascista Giuseppe Garibaldi. En 1940, o governo de Lázaro Cárdenas anulou a sua expulsión de 1930. Tina Modotti morreu, dun ataque cardíaco, o 5 de xaneiro de 1942.
A sua obra fotográfica centra-se no compromiso político, buscando reflectir as duras condicións de vida das clases populares, o que a leva a compor unha obra de forte contido propagandístico.

Ver outras