Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Trotula de Ruggero
   Documento sin título


TROTULA DE RUGGERO Descoñécese a data exacta do seu nacemento, pero suponse que puido ter vivido por volta do ano 1050 en Salerno, ao sur de Nápoles. Naquela altura, a cidade italiana era un importante centro de intercambio comercial onde se conxugaban con naturalidade os coñecementos greco-romanos coa tradición islámica e xudía.
Con toda probabilidade, Trotula era descendente dunha familia adiñeirada e seguramente por iso tivo a oportunidade de formarse e acceder aos estudos de medicina. Casou co tamén médico Johannes Platearius, con quen tivo dous fillos que exerceron a medicina como os seus proxenitores.
Andando o tempo, converteuse na máis famosa das mulleres da Escola Médica Salernitiana, un centro de estudos que non só admitía ás mulleres entre os seus estudantes e profesores, senón que foi o primeiro lugar de cultura non controlado pola Igrexa e, segundo algúns estudosos, a primeira universidade europea.
Nos seus tratados de medicina desenvolveu anovadores e meditados postulados relacionados cos campos da xinecoloxía e da dermatoloxía. En De aegritudium curatione ou De ornatu mulierum describe remedios de tipo cosmético para eliminar as engurras, para manter branca a dentadura ou para tinguir os cabelos. Ao mesmo tempo, recomenda unha dieta equilibrada, coidar a hixiene corporal e proporciona algúns consellos para mellorar o estado físico recorrendo a masaxes e baños.
Moito máis importantes son as súas ensinanzas no eido da obstetricia. O volume titulado De passionibus mulierum curandorum ante, in, post partum, utilizado até finais do XIX e base dos estudos desta especialidade médica até o XVI, desenvolve as súas rigorosas ideas sobre a menstruación, a concepción, o embarazo e o parto. Trotula, que non cría que a dor do parto gardase relación co castigo divino, refírese tamén ao control da natalidade, recomenda o uso de opiáceos para mitigar as dores do parto e afirma categoricamente que non sempre son as mulleres as responsables dos problemas de concepción, sinalando que os varóns tamén poden ser os causantes.
As súas teorías non conteñen ningún tipo de doutrina moralizante e reflicten a apertura ideolóxica da escola médica na que exercía a doutora.
Durante a Idade Media Trotula foi moi coñecida en todos os países europeos e os seus tratamentos utilizábanse nas escolas de medicina máis famosas. Algúns historiadores, en particular o alemán Karl Sudhoff, empeñáronse en negar que unha muller puidese ter escrito obras tan importantes.

Ver outras