Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Wislawa Szymborska
   Wislawa Szymborska naceu o 2 de xullo de 1923 en Prowent, asentamento que na actualidade pertence á cidade de Kórnik, no centro da Gran Polonia. En 1931 a súa familia trasladouse a Cracovia, onde a poeta viviu ata a súa morte, acontecida o 1 de febreiro de 2012.
Wislawa comezou a estudar no colexio das Ursulinas, en Cracovia, e durante a guerra asistiu a estudos clandestinos. Ao finalizar a secundaria realizou diversos traballos, mesmo de empregada de ferrocarril, e, posteriormente, durante os anos 1945-1948, ingresou na Universidade de Jagiellónica, onde estudou Lingua e Literatura Polaca e Socioloxía, pero non chegou a finalizar os estudos por problemas económicos. Nesa época ingresou no Partido Obreiro Unificado Polaco, do que máis adiante se distanciou.
En 1945 apareceu por primeira vez publicado un poema seu, «Busco a palabra», no suplemento literario do xornal Dziennik Polski.
En 1952 publicou o seu primeiro libro de poemas, Por iso vivimos,e en 1954, o segundo, Preguntas feitas a unha mesma.
Máis adiante, ela mesma criticaría estes dous primeiros libros por estar demasiado apegados ao realismo socialista que imperaba naqueles anos.
Foi a partir dos cambios políticos de Polonia, en outubro de 1956, que permitiron unha maior apertura cultural, cando, coa publicación de Chamada ao Yeti,en 1957, se mostrou sen trabas a súa poesía, recibindo moi boa acollida por parte do público e da crítica.
A súa poesía utiliza unha linguaxe sinxela e directa que chega a todo o mundo, deixando sempre despois de lela un pouso de inquietude. É unha poesía chea de preguntas que atinxen tanto á vida cotiá como aos problemas máis importantes da vida e da morte, pero sempre presentados dunha maneira sinxela e mesmo utilizando un fino sentido do humor. Desde unha mirada individual, a poeta observa a natureza e recoñécese como unha peza máis dentro do cosmos, unha peza grande e pequena á vez.
A pesar de que en moitas ocasións tense cualificado a súa poesía de existencialista, a mesma Szymborska rexeita o cualificativo: «É unha etiqueta favorable, pero confusa. Eu non cultivo ningunha filosofía, tan só unha modesta poesía. Os existencialistas son monumental e monotona mente serios. Non lles gusta andar de brincadeira. De ver dade, eu non sinto que coincida demasiado ben con este tipo de pensamento» (entrevista concedida á xornalista polaca Krystyna Nastulanka en 1975).
Ademais do Premio Nobel de Literatura que recibiu en 1996, a súa obra foi anteriormente merecedora de diversos premios, entre os que destacan o Premio Goethe, en 1991, e O Premio Herder, en 1995.
En 1996, cando recibiu o Nobel, só había uns cantos poemas traducidos ao español nunha antoloxía colectiva, hoxe pódese atopar toda a súa poesía neste idioma e desde o ano 2011 contamos tamén cunha parte da súa obra poética traducida ao galego (Versos escollidos, versión bilingüe polaco-galego de 84 poemas traducidos por Lucía Caeiro, en Edicións Positivas).

Ver outras