EDITORIAL
Non hai
cartos??
Non hai cartos, a Xunta aprobou uns orzamentos con substanciais recortes
en Educación, Sanidade e Dependencia, pero aínda quedan uns
poucos para facer clientelismo. Desmantelan a sanidade pública, din
que non é posible pagala tal e como está, que é un
luxo, por iso reducen consultas, camas nos hospitais e postos de traballo,
e cada vez parece estar máis preto o copago, un imposto sobre a enfermidade
que pagaremos cada vez que acudamos ao médico, a urxencias ou ao
hospital...
(ver máis)
Encontro de Outras Voces Feministas (Paloma
Uria)
O primeiro fin de semana do mes de abril tivo lugar en Alcalá
de Henares o III Encontro de Outras Voces Feministas. O primeiro encontro
celebrárase en Madrid en outono de 2006. Foi aquel un encontro fundacional
no que debatemos as principais liñas do noso pensamento: a nosa concepción
do feminismo e algunhas das súas manifestacións prácticas,
como o noso enfoque, en parte crítico, da lei de Violencia Contra
as Mulleres ou a nosa concepción da prostitución en tanto
que actividade lexítima e a esixencia de recoñecemento de
dereitos para as traballadoras do sexo.
Marrocos, mero observador da primavera árabe
(Aurea Sánchez)
A Rede Internacional de Periodistas con Visión de Xénero (RIPVG)
pediu no encontro celebrado en Fez que os estados estean obrigados a garantir
a liberdade de expresión; que México teña que investigar
tódolos crimes cometidos e atentados contra as mulleres xornalistas.
O encontro pide que os aclare e os castigue; solicita protección
das xornalistas deste país centroamericano no exercicio da profesión
e pronúnciase contra á discriminación que viven en
todo o mundo as mulleres xornalistas no plano salarial, laboral e profesional.....
Os Premios Nobel e as mulleres (Felicia
Estévez Salazar) 
O Premio Nobel da Paz 2011 outorgóuselles a tres señoras
que salientan pola loita a favor da seguridade e dos dereitos das mulleres.
Elas son: Ellen Johnson Sirleaf, presidenta de Liberia desde xaneiro de
2006 e coñecida como A dama de ferro; Leymah Gbowee, activista liberiana
coñecida como A guerreira da paz, e Tawakkol Karman, xornalista iemení,
coñecida como A filla coraxe de Iemen. .
Mulleres nas estrelas (Josefina F, Ling)
Entrevista a unha representante de Cavida (Comunidades
de Autodeterminación, vida e Dignidade (Aida I. de Prada)
Ao norte do mapa colombiano, no Golfo de Urabá, está
situado o Tapón do Darien, unha área estratéxica polos
seus recursos naturais e o único tramo que queda por construír
da estrada Panamericana. Unha representante da organización CAVIDA
(Comunidades de Autodeterminación, Vida e Dignidade), que quere permanecer
no anonimato, polo que usaremos o seudónimo de Teresa Rodríguez,
explica a situación de alerta inminente. .
Acaso nós non somos mulleres?! (Hadriana
Ordóñez Otero)
Estamos en verán. Neste tempo é costume ir coas pernas ó
sol. Aínda que hoxe, como está nubrado, levo un xersei moi
finiño de cor verde que me protexe desta friaxe mariña e unha
saia destas modernas por enriba xusto xusto dos meus xeonllos, a iso das
dez da noite fronte á ría. Creo que me debería vestir
deste xeito máis a miúdo. Véxome moi fermosa, a roupa
favorece as miñas curvas de muller. Por momentos síntome máis
sexy; é inevitable. Pregúntome se a xente pensará o
mesmo...
Magdalenas gritos estéticos para a revolución
(Manuela Acereda e Aida I. de Prada)
«E por que sigo facendo cousas que eu creo que non
debería facer máis? Por que sigo repetindo comportamentos
que non quero máis? É a cuestión. Porque tamén
eu son unha que alimenta a relación de opresión. Que teño
que facer para o cambio?» Reflexiona Bárbara Santos, practicante
e curinga do Teatro do Oprimido (TO) que, xunto con Alessandra Vanucci e
o apoio do Centro de Teatro do Oprimido de Río de Janeiro, creou
no 2005 o Laboratorio Magdalenas, Teatro das Oprimidas.
Käthe Kollwitz, Antígona xermana ante
o espello (Renata Otero)
Sempre me fascinou a obra dos/as artistas que mostraban, dun xeito explícito e honesto algo de si mesmos/as. Cando eu tiña 21 anos, un día, folleando un libro nunha feira de ocasión, atopei un dos autorretratos en branco e negro de Käthe Kollwitz. Era unha imaxe sinxela que me impactou. Nela a autora debuxárase nun plano medio, cunha roupa basta, de loito, que tapaba todas as formas, cun moño cano, caído, funcional e desfavorecedor; coa cara lavada e cuberta de engurras, sen chisco ningún de vaidade no xesto e que expoñía unha tristura desoladora mentres miraba ao público de fronte. Inmediatamente lembreime da miñas bisavoas.
Mufest, unha viaxe que continúa (I.V.E.)
Xa estamos de volta como cada ano, intentando darlle continuidade a este proxecto que é o MUFEST, un festival de cine feito por mulleres que desde o ano 2009 pretende amosar obras feitas por cineastas mulleres de todo o mundo na cidade de Santiago. Pese a estarmos a piques de celebrar a terceira edición e considerando que a cousa debería por lóxica fluír, parece que as dificultades aumentan. Malos tempos para a lírica, que dirían os de Vigo; e parafraseando, malos tempos para o cine ou para as artes en xeral.
Suxeitos emerxentes: sexualidades e feminismos contemporáneos
(Ánxela Caramés)
Baixo o título «Suxeitos emerxentes: sexualidades
e feminismos contemporáneos» celebráronse unhas xornadas
de conferencias, debates, proxeccións audiovisuais, arte e teatro,
cunha grande asistencia de público no marco universitario. Tiñan
como propósito fundamental dar a coñecer as novas correntes
teóricas e prácticas do pensamento crítico feminista
e dos movementos de liberación sexual actuais.
Libros: MOREDA Eva: AVeiga é como un tempo distinto, Vigo, Xerais de Galicia, 2010 (Patricia Arias Chachero)
Os nosos parabéns para Eva Moreda e a súa última novela A Veiga é como un tempo distinto, gañadora do Premio Terra de Melide 2010. A autora deseña nesta obra unha trama sinxela, narrada sen pretensións, pero con moita desenvoltura e fluidez. A novela, que atrapa desde as primeiras páxinas, é unha historia de mulleres contada en primeira persoa por unha voz masculina...
Filmes :
- Digna rabia (Laura Gómez Lorenzo)
Pouco a pouco, máis alá da cativa axuda de
luz e taquígrafos que proporcionou a lei de Memoria Histórica
española, os sectores máis concienciados da sociedade civil
estanse a encargar de facer o proceso de revisión sobre a guerra
e a ditadura que os sucesivos gobernos democráticos aínda
non asumiron. Este é o caso do documental Digna rabia, un dos contados
que se teñen realizado sobre a memoria das mulleres galegas, que
comprende entrevistas de vinte e cinco mulleres pertencentes a tres xeracións.
- No tengas miedo (Patricia Arias Chachero)
Non é fácil atopar unha película realmente
valente e esta éo, inda que só sexa polo tema que aborda:
o abuso sexual a menores.
En No tengas miedo Montxo Armendáriz, o director, cóntanos
a historia de Silvia, unha moza que tenta romper co seu pasado e superar
o drama dos abusos sexuais aos que a leva sometendo desde que era nena o
seu pai. O abusador, interpretado por Lluís Homar, é un home
aparentemente amable e educado en quen a nai da rapaza, interpretada por
Belén Rueda, ten delegado a educación da filla de ambos.
Musica:
- Leilía "Consentimento" (Laura
Gómez Lorenzo)
A formación de veteranas pandereteiras vén
de editar o seu último traballo, Consentimento, dedicado a Eva Castiñeira,
cantareira e pandereteira muxiana, xa falecida, que comenzou a cantar desde
nena un repertorio de pezas da tradición oral. Toda a música
deste disco é tradicional, decantada con modernos arranxos e acompañada
por letras diversas, algunhas tamén tradicionais xunto ás
de sete escritoras actuais galegas: Mariña Pérez Rei, Ana
Romaní, Marilar Aleixandre, Ana Amado, Yolanda Castaño, Eva
Moreda e Eva Veiga.
CONTRAPORTADA
Leonora Carrington naceu en Lancashire (Inglaterra) o 6 de abril
de 1917. Filla dunha irlandesa e dun aristócrata inglés, foi
unha nena fantasiosa e excéntrica que conectaba cos animais e a natureza.
A pequena identificábase cunha egua salvaxe e configuraba o seu mundo
coas historias que lle contaban a súa avoa e a súa aia irlandesas
nas que os sidhes celtas tiñan un destacado papel...
(ver máis)
Ultimo número á venda
nº 59 inverno 2011-12
Editorial (andaina 59)
Non hai cartos??
Non hai cartos, a Xunta aprobou uns orzamentos con substanciais recortes en
Educación, Sanidade e Dependencia, pero aínda quedan uns poucos
para facer clientelismo. Desmantelan a sanidade pública, din que non
é posible pagala tal e como está, que é un luxo, por
iso reducen consultas, camas nos hospitais e postos de traballo, e cada vez
parece estar máis preto o copago, un imposto sobre a enfermidade que
pagaremos cada vez que acudamos ao médico, a urxencias ou ao hospital.
Pero a verdade é que, mentres isto acontece, estanse dilapidando fondos
públicos, entregándollos a empresas privadas, á construción,
ao financiamento e á xestión dos novos hospitais e centros de
saúde, como pretenden facer co hospital de Vigo e o de Pontevedra.
Tamén no ensino público hai recortes. A Consellería de
Educación propón aumentar o alumnado nas aulas e as horas lectivas
do profesorado dos centros públicos. Apélase á falta
de orzamento para financiar aulas en colexios públicos e para reducir
nun 10% os fondos destinados a sufragar bolsas no ano 2012, e polo mesmo motivo
suprímense ou minguan moito as subvencións á edición
de libros e material escolar en galego. Pero non todo son recortes, porque
aumentan en máis de 200.000 euros as axudas a 66 centros concertados.
Non hai cartos, dísenos, pero está claro que iso non é
así para todas, basta con botar unha ollada ao reparto de subvencións
das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas
e Xustiza e de Igualdade para ver cal é a política da Xunta
de apoio ás mulleres: asociacións católicas integristas,
contrarias ao dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos, son as
principais beneficiarias destas subvencións. Como exemplo, aí
están a Red Madre Coruña, coñecida organización
anti-abortista, que recibe 34.000 euros, que supostamente gastará na
súa «Intervención para Mujeres Gestantes y Lactantes»,
ou Betania de Jesús Nazareno, que recibe 34.000 euros para un «Centro
para Mujeres sin Recursos», ou a Congregación de Siervas de la
Pasión, outros 34.000 euros para o seu proxecto de «Centro de
Atención Especializada Hogar Sta. Isabel». Máis exemplos:
a Red Madre Pontevedra leva 20.000 euros polo seu combate contra o dereito
ao aborto, mediante o programa «Madres 2011», e a «Obra
Social Sí a la Vida», a cargo do autodenominado Rebaño
de María —que por certo está a ser investigada por suposta
participación en adopcións ilegais—, cobrará 18.000
euros públicos.
Non hai cartos. Os bancos están demasiado endebedados
e non poden conceder créditos nin ás empresas nin ás
persoas… Pero o Estado si lles deu cartos, miles e miles de millóns
para que seguisen mantendo este sistema que afoga e nos afoga, porque agora
é o Estado, todos e todas nós, o endebedado…
Desapareceron nunha nube de fume as dúas caixas de aforros deste país.
Despois dunha fusión feita ás présas e baixo moitas presións,
a valoración do Banco de España para transformar a nova entidade
nun banco reduciu o seu valor nun 88%. E a Obra Social, que debe sobrevivir
dos restos que deixaron, corre o risco de esfumarse tamén. Están
en xogo 15 centros de maiores, 4 residencias da terceira idade, 4 escolas
infantís, 3 centros de formación profesional, unha residencia
de estudantes, 4 bibliotecas, unha ciberaula, unha escola empresarial e 8
centros culturais, programas e centros de inserción social, programas
deportivos, exposicións, publicacións, representacións,
concertos... Se se chegase a perder, todas e todos nos faremos un pouco máis
pobres. Pero non é momento de pedir responsabilidades segundo a Xunta,
nin sequera aos executivos que cobraron millonarias indemnizacións
a pesar da súa mala xestión.
Non hai cartos. Pídesenos que rebaixemos o nivel
de vida para manter a flote a economía do país, pero cada vez
hai máis persoas para as que iso non é factible, cada vez son
máis longas as colas ante as cociñas económicas e cada
vez son máis as familias que non chegan a fin de mes.
A inmensa maioría das persoas somos cada vez máis pobres, pero
non todas, porque hai uns poucos millonarios que son cada vez máis
ricos: especuladores, banqueiros, negociantes da economía mergullada
que ven medrar a súa riqueza e o seu poder coa crise.
Nunca foi tan grande a distancia entre ricos e pobres. E segundo din os informes
de Cáritas, a cara da pobreza en Galiza vai mudando nestes últimos
anos; cada vez son máis persoas novas e sobre todo mulleres soas con
cargas familiares as demandantes de axuda. A feminización da pobreza
é tamén unha realidade neste país.
Só un raio de esperanza neste sombrío panorama, a globalización
das protestas contra este sistema económico que tanta pobreza e desigualdades
crea. Cada vez son máis e en máis lugares as persoas que están
a dicir: basta xa!
Principio
Contraportada (andaina 59)
Leonora Carrington naceu en Lancashire (Inglaterra) o 6 de
abril de 1917. Filla dunha irlandesa e dun aristócrata inglés,
foi unha nena fantasiosa e excéntrica que conectaba cos animais e a
natureza. A pequena identificábase cunha egua salvaxe e configuraba
o seu mundo coas historias que lle contaban a súa avoa e a súa
aia irlandesas nas que os sidhes celtas tiñan un destacado papel. Estaba
destinada a medrar como rica herdeira dun magnate da industria téxtil
e facer un bo matrimonio, pero o seu espírito rebelde e desafiante
levouna a enfrontarse ao pai e a nai, a institutrices, monxas, convencións
sociais e ataduras relixiosas, conseguindo entrar na academia de arte Ozenfant
de Londres en 1936.
O ano seguinte coñeceu ao pintor alemán Max Ernst, quen contaba
daquela con 47 anos e bastante sona como pintor surrealista. Coincidiron pouco
despois nunha viaxe de Leonora a París e estableceron unha relación
sentimental. Deste xeito, entrou en contacto co círculo surrealista.
En 1938 escribiu un conto titulado La maison de la peur e participou con Ernst
na Exposición Internacional de Surrealismo en París e Amsterdam.
Ese mesmo ano trasladáronse a vivir (malia que el estaba casado) ao
sur de Francia, a unha aldea chamada Saint-Martin-d'Ardèche, onde restauraron
unha casa, moldeándoa de xeito fantástico coas súas propias
mans. Cultivaban un viñedo e unha horta, pintaban, esculpían...,
Leonora seguía a escribrir, La dame ovale (1939).
Ambos formaban parte, xunto con outros surrealistas, do movemento de intelectuais
antifascistas Künstler Bund. En 1939 Max Ernst foi detido, declarado
inimigo do réxime de Vichy e recluído no campo de traballo Les
Milles. Leonora sufriu entón un desequilibrio psíquico. Ante
a ocupación nazi de Francia viuse obrigada a fuxir. O seu pai proporcionou
os cartos, os documentos e o acompañante que posibilitaron a súa
chegada a unha España destruída pola guerra. Nas rúas,
nos cafés, nos hoteis de Madrid Leonora clamaba contra alianza fascista
de Franco-Hitler-Mussolini, manifestando un comportamento estrambótico.
Por indicación do seu pai, foi trasladada a un sanatorio mental en
Santander, traumática experiencia que procurou exorcizar no libro autobiográfico
En bas (1944).
Conseguiu saír do manicomio cunha vixiante rumbo a Madrid, onde atopou
ao escritor e diplomático mexicano Renato Leduc, a quen coñecía
do círculo surrealista, citándose con el en Lisboa. O pai dispuxera
levala a Estoril e de alí a outro sanatorio en Sudáfrica, pero,
unha vez en Portugal, Leonora rompeu o cerco paterno e reuniuse con Renato
na embaixada de México. En Lisboa coincidiu con Max Ernst, quen xa
establecera relación sentimental coa coleccionista e mecenas Peggy
Guggenheim. Leonora casou con Renato en 1941 para poder saír cara a
América. Viviron en Nova York, onde el tiña o seu seguinte destino;
nesta cidade Leonora frecuentou o círculo de artistas exiliados que
rodeaban a Peggy Guggenheim.
En 1942 marcharon a México e divorciáronse o ano seguinte. Leonora
estableceu nese país a súa residencia frecuentando aos artistas
e intelectuais europeos no exilio: Benjamin Péret, Alice Rahon, Wolfgang
Paalen, Esteban Francés, Kati e José Horna... e Remedios Varo,
con quen mantivo unha fonda e fecunda amizade ata a morte da pintora española.
En 1946 casou co fotógrafo xudeu húngaro Emrico, Chiki, Weisz
(axudante de Robert Capa), con quen tivo dous fillos, Gabriel e Pablo.
Refuxiada no seu círculo íntimo e pouco amiga de entrevistas,
Leonora Carrington realizou unha extensa obra, publicou unha decena de libros,
realizou óleos, táboas, murais, ilustracións e grandes
esculturas de bronce nos últimos anos.
Recibiu, entre outras distincións, a Orden do Imperio Británico
da raíña Isabel II e o Premio Nacional de Belas Artes outorgado
polo goberno mexicano en 2005.
Morreu na Cidade de México o 25 de maio de 2011, aos 94 anos, sendo
enterrada no panteón inglés.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Para saber máis:
CARRINGTON, Leonora: Memorias de abajo, Madrid, Siruela, 1991.
PONIATOWSKA, Elena: Leonora, Barcelona, Seix Barral, 2011.
Principio