EN DEFENSA DA IGUALDADE: NON A LEI DE FAMILIA
A Plataforma de organizacións Feministas rexeita o “Anteproxecto
de Lei de Apoio á Familia e á Convivencia en Galicia” por
regresivo, patriarcal e anticonstitucional.
A lei supón un grave recorte dos dereitos da muller, sitúandoa
de novo en labores de nai e coidadora (de nenas e nenos, adolescentes, persoas
discapacitadas, dependentes e maiores), establecendo a maternidade como rol
vital e controlando desta maneira a súa vida afectiva e sexual.
A Xunta, alegando motivos económicos, evitou progresar no desenvolvemento
de leis e decretos como a “Lei galega 7/2004 para a igualdade de homes
e mulleres”, a “lei galega 11/2007 para a prevención e o
tratamento integral da violencia de xénero”, a “lei 13/2008
de servizos sociais de Galicia”, a “lei 2/2007 de traballo en igualdade
das mulleres de Galicia”, ou o “decreto 15/2010 polo que se regula
o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia”,
que xa recollen medidas concretas de apoio á familia, á atención
de mulleres en situación de exclusión, de socialización
das cargas familiares, de permitir compatibilizar vida familiar e laboral. Co
mesmo pretexto desmantela organismos –desaparición do Servizo Galego
de Igualdade- e substitúeo todo por unha mera declaración de propósitos
e boas intencións mentres si destinará medios económicos
para a creación do Consello Galego de Familia e o Observatorio Galego
de Familia destinados a “protexer” e “dirixir” ás
mulleres.
Como exemplo esta nova lei, de aprobarse, derrogaría o capítulo
V do Título I da “Lei 7/2004 galega para a igualdade de homes e
mulleres” que recollía as medidas básicas de apoio á
familia socializando as cargas parentais e familiares como a ampliación
da rede pública de gardarías, aumento do horario de atención
as crianzas menores de 12 anos, implantación de servizos de comedor en
gardarías e colexios públicos, creación de gardarías
e colexios na proximidade de parques empresariais, a creación de centros
de maiores e ampliación da asistencia domiciliaria a maiores. Medidas
sociais encamiñadas a favorecer a maternidade, como se demostrou en países
da nosa contorna, permitindo compatibilizar vida laboral e familiar. Estas substitúense
por “promover” a creación de centros para o coidado de menores
e maiores sen contemplar actuacións específicas cando é
responsabilidade do goberno autonómico dotar os servizos e definilos
dunha forma laica evitando confundir servizo público e caridade (neste
momento xa existen denuncias de trato desconsiderado con mulleres nalgúns
centros relixiosos).
A lei recoñece o dereito á vida do fillo ou filla concibidos e
“non natos” o que non se axusta a dereito. As mulleres son donas
do seu corpo e deben ter a facultade de decidir se queren ser ou non nais e
poder recorrer a métodos para evitar ou interromper a concepción
aceptados pola lei (anticonceptivos, pílula postcoital ou aborto). Co
pretexto dun problema demográfico (os movementos demográficos
–inmigración, apertura de fronteiras- poderían solucionalo,
no mundo hai superpoboación e convén reducila) envíase
de novo á muller ao ámbito doméstico. Co que esta lei conseguiría
unha mellora na taxa de desemprego global, retirando ás mulleres do mercado
laboral e un aforro en todos os servizos necesarios para que a decisión
de ser ou non nai sexa unha opción real e non un suicidio laboral.
É importante coñecer tamén que medidas económicas
como a redución do gasto público tenden a afectar desproporcionadamente
ás mulleres, principalmente as de menos recursos aumentando a desigualdade
entre homes e mulleres. A feminización da pobreza fai que as mulleres
teñan menos acceso aos recursos económicos e laborais que permiten
a compra de servizos e o acceso das mulleres en idade reprodutiva á saúde
implicaría cotas económicas máis altas.
A pesar de que a historia oficial tende a presentar os avances sociais conseguidos
polas mulleres como a consecuencia dun progreso que camiña por si só,
onde o movemento feminista non influíu, a realidade é que foi
a loita de moitas mulleres a que nos permite gozar hoxe de dereitos que nun
pasado moi próximo eran-nos negados. Pero as mulleres permanecen aínda pouco representadas nas estruturas de poder que definen prioridades e distribuen recursos, polo que as nosas necesidades raramente chegan a se considerar prioritárias.
Por iso exigimos a retirada do “Anteproxeto de Lei de Apoio á Familia e á convivencia na Galiza” por regresivo, patriarcal e anticonstitucional.
Solicitamos o seu apoio na divulgación deste manifesto e súa asinatura para mostrar o noso desacordo con esta lei. Podes asinar clicando aqui
|