|
Documento sin título
Declaración LABREGA de Cáceres,
29 de abril do 2010
NOSOUTRAS, labregas chegadas de diferentes países de Europa, reunidas
en Cáceres durante o seminario europeo «Labregas polos nosos dereitos»
durante os días 27, 28 e 29 de abril, cansas da invisibilización
á que frecuentemente nos someten as propias administracións a
través, entre outras, das políticas agrarias e de desenvolvemento
rural, e logo de comprobarmos que durante o foro oficial organizado pola Presidencia
Española da Unión Europea –celebrado tamén estes
mesmos días en Cáceres– que todo o mundo falou de nós
sen darnos voz, queremos lembrar ás administracións públicas
QUE AS LABREGAS ESTAMOS AQUÍ, e que como labregas desempeñamos
un papel clave na produción de alimentos na Europa e tamén no
desenvolvemento e na vida dos nosos pobos. Estamos fartas da invisibilización á que nos someten
as actuais políticas agrarias, que consideran ás mulleres
que desenvolvemos a nosa actividade nas explotacións
agrarias familiares coma outra propiedade do titular da
explotación, negándonos así os nosos dereitos a ter
ingresos propios e á titularidade da explotación, aínda
cando co noso traballo contribuímos a xeralos e a mantelos
na mesma medida que os nosos compañeiros.
Non estamos dispostas a seguir aguantando a exclusión
de miles de campesiñas da Seguridade Social, xa sexa por
razóns económicas –tamaño da explotación–,
culturais
ou burocráticas.
Enfrontándonos a esta situación, e diante do debate
que nestes momentos está a iniciarse sobre a reforna da
Política Agraria Común (PAC 2013), reclamamos da Presidencia
Española da Unión Europea e das institucións
comunitarias:
1. Que se recoñeza a titularidade compartida ao 50 %
dende a PAC, desenvolvendo un estatuto xurídico
que garanta ás labregas tanto os ingresos económicos
como todos os demais dereitos que leva a titularidade
da explotación.
2. Eliminar a esixencia dun mínimo, tanto de superficie
produtiva como de ingresos, para o acceso á actividade
agraria, xa que este condicionante discrimina ás pequenas
explotacións, sendo estas as que están fundamentalmente
en mans das mulleres.
3. Que a formación agraria transmitida, tanto nas escolas
agrícolas como noutros ámbitos, incorpore a igualdade
de xénero como materia a impartir, contando con persoas
formadas neste ámbito para realizaren o seu labor
docente.
4. A aplicación de medidas de acción positiva até conseguir
a plena igualdade das mulleres.
5. A garantía, por lei, da participación das mulleres
campesiñas na toma de decisións, facendo obrigatorio
o cumprimento das leis de paridade por parte das
organizacións agrarias.
6. O compromiso explícito, por parte das institucións europeas,
de que non haberá impactos negativos para as
campesiñas na elaboración dos orzamentos para a PAC.
7. Que as políticas de igualdade sexan transversais,
para que a igualdade sexa un punto clave a considerar no
momento de definir a PAC e o desenvolvemento rural.
NOSOUTRAS TRABALLAMOS, NOSOUTRAS PRODUCIMOS,
NOSOUTRAS DECIDIMOS
|
Que nos fogares elas traballan máis horas non é novidade algunha.
Que é un traballo invisible e oculto tampouco aporta nada especial. Si
resulta novidosa A Conta Satélite de Produción Doméstica
do Instituto Galego de Estatística que cuantificou a riqueza que xeran
as tarefas do fogar, que en termos económicos equivale ao 37% do Produto
Interior Bruto (PIB) de Galicia, o que sitúa esta economía á
altura do sector industrial, do agrario ou da construción.
A Conta Satélite foi presentada aos medios de comunicación no
final de setembro pola Secretaria Xeral de Igualdade, Carme Adán e o
director do Instituto Galego de Estatística, José Colino.
A finais de agosto os xornais facíanse eco dun inquérito elaborado
por Vicepresidencia da Xunta de Galicia sobre algunhas ideas das galegas e dos
galegos.
Un 20% opina que o deber dunha muller é coidar da casa e o deber do varón
gañar os cartos.
O 14 % que o lavado da roupa é cousa de mulleres e o 25% din que as pequenas
reparacións son cousa deles.
Un 80% cre que as responsabilidades familiares son o principal atranco para
que as mulleres poidan desenvolver os seus traballos en igualdade cos varóns
(porque supoñen ?engado eu? que as familias son cousa delas e as deixan
nas súas mans. Si, non si?), de feito elas, cando buscan un emprego priman
poder compatibilizar traballo e familia mentres que eles priorizan o soldo.
Mirando cara atrás é certísimo que esta sociedade ten cambiado
moito, porén… hai moito que andar.
Que llo pregunten se non á sociedade sueca, que se considera líder
en igualdade, sen embargo di Gudrun Schyman experimentada parlamentaria e cabeza
de lista do novo partido feminista ás eleccións do 17 de setembro
na entrevista que lle fixeron Priya Álvarez e María Pazos: «O
patrón de poder de homes sobre mulleres remanece: altísimas taxas
de emprego feminino a tempo parcial, ocupación moito máis elevada
do traballo doméstico e de coidados familiares e menores ingresos nas
actividades remuneradas».
|
O mercado mundial de roupa e calzado deportivo xera moitos millóns de dólares
(en 2002: máis de 58.000).
Estes beneficios son posíbeis polas condicións laborais das persoas
contratadas para este negocio, en situacións vulnerábeis e vítimas
en moitos casos de abusos e de explotación bárbara.
Xornadas de até 16 horas diarias durante seis días á semana,
baixos salarios vencellados ao destallo, os talleres onde cosen, cortan, pasan
o ferro, etc. carecen de condicións básicas de seguridade e salubridade.
Tampouco poden afiliarse ou organizarse en sindicatos...
Os países máis afectados por esa situación son Bulgaria,
Camboia, China, Indonesia, Turquía e Tailandia (seguro que se reparamos
no lugar de fabricación deste tipo de prendas, estes terán maior
presenza que outros).
A campaña que desenvolveron no 2004 «Xoga Limpo nas Olimpiadas»,
respaldada pola Confederación Internacional de Organizacións Sindicais
Libres (CIOSL), Campaña Roupa Limpa e Oxfam Internacional, quixo pór
todo isto de relevo e tracexar a meta de conseguir melloras laborais concretas
nestes países antes de Beijin 2008.
|