| Data: 2010-01-01 | Tema: varios | Orixe: andaina53 |
|
Elinor Ostrom recibiu este ano o Premio do Banco de Suecia en Ciencias Económicas en memoria de Alfred Nobel e aínda que o premio é compartido con Oliver Williamson, non deixa de ser meritorio ser a primeira muller en recibilo. Este premio, instituído no ano 1969, non é sufragado pola Fundación Nobel, senón polo Banco de Suecia (Sverixes Riksbank), xestiónao a Real Academia Sueca de Ciencias e entrégase á vez que os premios Nobel. Houbo que esperar corenta anos para que a academia fixese xustiza salientando as achegas que as mulleres realizan neste campo, sobre todo en temas ligados á micro-economía e as economías emerxentes de carácter local. Elinor Ostrom é profesora da universidade de Indiana; é fundadora do Centro para o Estudo da Diversidade Institucional da Universidade de Arizona; desde o ano 1991 é membro da Academia Americana das Artes e as Ciencias; nos anos 1996 e 1997 foi a presidenta da Asociación Americana de Ciencias Políticas, sociedade da que xa fora vicepresidenta na década dos setenta. O seu currículo mantense na páxina da universidade aínda aos seus setenta e seis anos e está cheo de referencias ás súas publicacións e investigacións. A súa obraé máis coñecida no contorno das ciencias políticas que nas económicas e céntrase en estudar a xestión da propiedade comunal como alternativa á privatización dos recursos ou á xestión pública. No libro Protecting the Comons expón que as terras comunais, acuíferos ou recursos que non son legalmente propiedade dunha única entidade son temas cada vez máis polémicos nas áreas de xestión e mesmo nas relacións internacionais. Esta obra proporciona unha actualización concreta en canto a usos dos bens comúns e ofrece once casos prácticos nos que se estuda a toma de decisións ou os problemas xurídicos de tipo ambiental. Achéganos unha revisión das ferramentas útiles na toma de decisións e para o exame de problemas xurídicos de tipo ambiental que son relevantes para as comunidades. Nas súas investigacións sobre a xestión dos recursos naturais polas propias comunidades locais, toma como exemplo o Tribunal das Aguas de Valencia. Este premio é un recoñecemento ao seu traballo de investigación sobre os métodos que usan as distintas comunidades para xestionar uns recursos escasos para a súa supervivencia. |
||
| Data: 2009-06-01 | Tema: varios | Orixe: andaina 51 |
|
Mulleres bispos O Sínodo da Igrexa Anglicana aprobou na primeira semana
de febreiro (68,8% dos votos) unhas medidas que abren a porta a reforma do Canon
Anglicano, de xeito que as mulleres poidan ser bispos. Marca o comezo dunha
nova fase. O grupo Mulleres na Igrexa (Watch) leva promovendo esta e outras
reformas. Desde 1992 permite a muller ser sacerdote e xa se ordenaron máis
de 2000 . Daquelas, uns cincocentos clérigos marcharon para a Igrexa
católica, que non ten que soportar semellantes veleidades. Eles non estaban
dispostos a aceptar a autoridade feminina. Non parece que agora vaia haber tantas
desercións, aínda que Christina Rees do grupo Watch di que un
15% do clero oponse ao bispado feminino de xeito taxativo; en destaca os evanxélicos
tradicionais que citan a San Pablo nunha carta a Timoteo: "Non permito
á muller ensinar, nin exercer dominio sobre o home, só debe estar
co silencio". |
||
| Data: 2009-06-01 | Tema: varios | Orixe: andaina |
|
Exeria: corrector de linguaxe sexista en software libre
Exeria foi unha muller, crese que nacida na Gallaecia, pioneira para o seu
tempo, xa que escribiu un libro da viaxe que fixo no século IV ao Oriente
Próximo. Na súa honra púxoselle o nome a unha innovadora
ferramenta informática creada polas empresas galegas Tagen Ata e Imaxin. |
||
| Data: 2009-05-01 | Tema: varios | Orixe: andaina 51 |
|
PRESENTACIÓN DA REVISTA ANDAINA Anna Amorós Pons O pasado decembro, a revista Andaina foi presentada academicamente na Universidade Carlos III de Madrid, dentro dos relatorios do «I Congreso Mujer y Periodismo. En homenaje a Josefina Carabias». Baixo o título «Prensa feminista: 25 anos da revista Andaina» fíxose un percorrido da publicación na súa longa traxectoria no eido editorial galego. A conferencia centrouse en catro ámbitos de análise: no primeiro fíxose unha aproximación ao(s) contexto(s) da súa orixe; no segundo, un estudo das diferentes etapas da súa evolución; no terceiro, unha reflexión dos seus contidos temáticos e os cambios sociais, políticos e culturais acontecidos na sociedade galega e española; e, finalmente, unha análise do deseño gráfico, onde diversos estilos brotan das súas portadas como unha fonte inesgotable de creatividade. O congreso foi dirixido pola catedrática de xornalismo Pilar Diezhandino e a profesora titular Teresa Sandoval e coordinado por Clara Sainz de Baranda e estivo organizado polo grupo de investigación PASEET (Periodismo y Análisis Social: Evolución, Efectos y Tendencias), conxuntamente co Departamento de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da UC3M. Nel rendéuselle homenaxe, no centenario do seu nacemento, á figura da xornalista republicana e socialista Josefina Carabias (1908-1980). Esta muller é considerada a precursora do xornalismo feminino español. Profesional do xornalismo escrito e radiofónico e, ademais, escritora. Durante a segunda República foi cronista parlamentaria dos xornais Ahora y La Voz; colaboradora no programa informativo radiofónico La palabra de Unión Radio; ao rematar a guerra civil traballou no xornal Informaciones e, a partir do ano 1954, foi a súa corresponsal en Washington; en 1959, e durante nove anos, foi corresponsal en París para o xornal Ya; despois, ao voltar a España incorporouse como redactora a este xornal durante trece anos, ata a súa morte. Durante un período da súa etapa profesional como xornalista, nos anos corenta, utilizou o pseudónimo Carmen Moreno. Moreu aos 72 anos. O Encontro «Mujer y Periodismo» durou tres días e a temática centrouse en tres eixes: a función da muller no xornalismo, a visibilidade da muller na información mediática e o xornalismo de Josefina Carabias. A conferencia inaugural correu a cargo de Magis Iglesias de FAPE (presidenta da Federación de Asociaciones de Periodistas de España). No congreso participaron tamén Maite Alcaraz (redactora xefe de ABC), Indira García (xerente da sección Internacional e Corresponsalías dos Servizos Informativos de Antena 3), Carmina Jaro (directora do programa diario de actualidade social Corazón de TVE), Fernando García Romanillos (Vocento), as xornalistas e escritoras Isabel San Sebastián e Judy Bustamante, Charo Izquierdo (directora de Yo Dona), Cristina Pérez Fraga (directora xeral da Axencia de Comunicación de Xénero AmecoPress), Iñaki Gabilondo (Presentador de Noticias Cuatro 2), Catherine Saupin (Universidade de Nantes-Francia), Mercedes Rico Carabias (embaixadora de España en Irlanda) e Fernando González Urbaneja (presidente da Asociación da Prensa de Madrid). Os actos tiveron lugar no Salón de Graos e na Aula Magna do Edificio
da Reitoría da Universidade Carlos III de Madrid, no Campus de Getafe,
durante os días 10, 11 e 12 de decembro de 2008. |
||
| Data: 2009-01-01 | Tema: varios | Orixe: andiana 50 |
| Os Nobel alternativos, preceden aos outros Nobel. A Fundación Right Livelihood
Award decidiu outorgar o Nobel 2008 ao matrimonio indio composto por Krishnammal
Jagannathan e o seu marido Sankaralingam, e a outras tres mulleres máis
que traballan e loitan para mellorar o mundo: Krishnammal Jagannathan é unha activista, cofundadora co seu marido da organización LAFTI, a prol da xustiza social na India. Ambos son seguidores de ideas de Gandhi. Levan máis de cincuenta anos loitando pola distribución da terra que agora reúnen nesa Organización Terra para a Liberdade dos Campesiños, que tamén promove industrias locais e facer fronte a moitos proxectos das multinacionais. Mónica Hauser, unha xinecóloga suíza, filla de pais italianos, que leva máis de vinte e cinco anos vivindo en Alemaña. O seu traballo con mulleres vítimas de violacións en países en guerra ou crises bélicas mereceu a concesión deste premio. En 1992, cando a guerra de Bosnia, crearon Medica Mondiale. Desde entón traballaron con máis de 70 000 mulleres e nenas traumatizadas en Kosovo, Congo, Liberia, Afganistán… Asha Hagi, unha activista somalí que xogou un importante papel na organización e participación das mulleres na loita contra a marxinación, a pobreza e a violencia. A organización creada en 1992 resultou importante para a participación das mulleres nas negociacións de paz no 2000. Amy Goodman, a que premian por promover un modelo innovador de xornalismo político independente, co que se fan ouvir as voces normalmente excluídas dos medios convencionais. Fundadora e presentadora do programa Democracy Now xurdido en 1996 e emitido por unha estación de radio; hoxe en día retransmítese a través de 700 redes de radio e TV. |
||
| Data: 2008-08-01 | Tema: varios | Orixe: andaina 49 |
| QUE PASA COA XENTE NOVA?
O Instituto da Xuventude publicou os resultados duns cuestionarios feitos á
xente moza, entre 15 e 29 anos, cuns resultados que nos deberían preocupar.
Aínda que hai un 43,6 % que opinan que é imprescindible ter un
traballo remunerado para ser unha muller independente, un 26 % afirman que a
maioría das mulleres prefire realmente crear unha familia e ter fillos.
Tamén sorprende que un 49,4 % afirme que unha nai que traballe NON ten
a mesma relación de calidade e estabilidade cos seus fillos que unha
nai que non traballe. |
||
| Data: 2008-02-01 | Tema: varios | Orixe: andaina 48 |
| Gabriele Pauli é unha muller de ideas avanzadas, economista, motorista,
de 50 anos, dúas veces divorciada e militante da conservadora ?o máis
á dereita do abano parlamentario alemán? Unión Social-cristiá
de Baviera (CSU) desde hai trinta anos. Escandalizou a tirios e troianos coa súa
proposta de que se limite o tempo do matrimonio a sete anos. Proposta útil,
segundo ela, para evitar a hipocrisía de manter matrimonios sen amor e
os trastornos dos divorcios. Pódese imaxinar cómo se puxeron os dirixentes do seu propio partido. O primeiro ministro bávaro Beckstein recomendoulle «tratamento psiquiátrico». Ela non parece inmutarse moito polas críticas. A finais do 2006 censurou moi severamente o todopoderoso Stoiber, primeiro ministro bávaro e presidente da CSU. As súas críticas irritaron moito no Goberno e alguén tivo a idea de axexala para saber se levaba unha vida sexual promiscua, bebía moito ou calquera cousa que permitise desprestixiala. A espionaxe saíu á luz e Stoiber tivo que renunciar. Aos poucos días fotografouse con luvas de látex «cun toque de ama sadomasoquista». É un esperpento moi simpático e con pingas grotescas. Que unha moi veterana militante do máis conservador partido daquelas terras faga tales propostas e actúe sen que lle importe nada a opinión e as críticas dos señores, mesmo os máis altos mandamáis do seu partido e da rexión bávara, é digno de comento. |
||
| Data: 2005-08-01 | Tema: varios | Orixe: andaina41 |
| O nunca visto: os bispos españois están fondamente inquedos porque
as vodas gais superan todo o vivido pola Igrexa católica en 2000 anos (sic) As catacumbas de Nerón, a Revolución francesa, a perda dos Estados Pontificios... pouca cousa ao lado do excepcional momento que vive o catolicismo español a causa da legalización dos matrimonios entre homosexuais. Excepcional si, moi por riba de: ? calquera dos episodios da Inquisición que extendeu os seus tentáculos por séculos e mesmo condenou á fogueira a moitísimos homosexuais; ? a expulsión de xudeus e musulmáns; ? o apoio incondicional e a activa participación da xerarquía do catolicismo español no levantamento militar do xeneral Franco en 1936 contribuíndo a unha guerra civil na que morreron centos e miles de persoas e os corenta anos de ditadura que lle sucederon; ? o silencio cómplice gardado pola xerarquía católica na tortura e asasinatos de homosexuais polo réxime nazi (por deixar agora a comunistas, socialistas, xudeus, xitanos e outros non afectos ao nazismo); ? a campaña en contra da abolición da lei que prohibía os matrimonios entre negros e brancos en Mississipi (lembremos o Ku-Klux-Klan), ? ou a participación no réxime de apartheid en Sudáfrica, por non continuar facendo listado. Nada peor, desde logo, que a súa incapacidade para ocuparse só
dos seus asuntos. |
||
| Data: 2003-12-05 | Tema: varios | Orixe: andaina |
| «Les Femmes Publiques»
Que quere dicir «as mulleres públicas», as que se pensa
que se poden atopar nun bar de alterne, na esquina do barrio quente ou nun burdel,
aínda que hoxe tamén, igual que a un home público podemos
atopar discurseando no Parlamento, nunha Concellería ou nun debate cultural. |
||
| Data: 0000-00-00 | Tema: varios | Orixe: andaina |
| Sen máis noticias deste tema, procura outro | ||

Ver outros temas:
| cultura |
| ensino |
| prostitución |
| saúde |
| sexualidade |
| traballo |
| violencia |
| varios |